Veciños de Cenlle apuntan ao ADIF por fumigar nas vías como o causante de danos nas viñas
Veciños de Cenlle apuntan ao ADIF por fumigar nas vías como o causante de danos nas viñas
Aseguran que moitas cepas non teñen remedio e terán que arrincalas
Veciños de Barbantes acusan o ADIF de causarlles danos nos seus viñedos. Din que a autoridade ferroviaria danou as cepas cando botou herbicida a carón das vías que pasan pola zona.
En Barbantes Estación hai máis de corenta cepas afectadas, que xa non teñen arranxo e que terán que arrincar nas próximas semanas. Din que non entenden o que puido pasar, e que o ADIF permitira realizar os traballos deste xeito. Teñen previsto presentar a reclamación pertinente e denunciar os feitos ante a Garda Civil.
"Son dúas gabias paralelas a liña de Renfe, a terceira día a día vai descubrindo, esta está afectada, caerá todo. Desde a liña de Renfe ata a última gabia afectada tranquilamente son oito ou nove metros que se meteron para dentro. Eu calcúlolle entre corenta ou cincuenta cepas". Deste xeito relata José Antonio o acontecido na súa viña de Barbantes Estación.
Linda coa vía do ferrocarril e foi xusto tras o paso dun tren con herbicida de ADIF cando as súas viñas comezaron a presentar este aspecto. "Pasou o luns pola mañá entre as nove e media e as once. Porque houbo xente que o viu e mesmo nos dixeron que estiveramos pendentes porque non espolvoreaban, senón que ían a chorro. E claro, isto día a día descobre, ben se poden apreciar as plantas como están. Cada día que lle da o sol peor aínda. Unhas secarán, pero isto hai que arrincalo todo xa".
Pero José Antonio non foi o único afectado. Tamén outros viñedos próximos. Din que non entenden como o ADIF permitiu que se fixera un traballo semellante, porque a maioría das zonas fumigadas son precisamente nas que hai viñedos.
"En realidade foi o tren, porque outra cousa non hai, porque o outro herbicida pon a folla un pouco rugosa e queima un pouco, pero é que isto é demasiado. Posiblemente as plantas haxa que transplantalas outra vez, e tardan uns catro anos en volver dar".
Din que o ADIF tan só lles facilita un correo electrónico para presentar a reclamación, por iso decidiron contactar tamén coa Garda Civil para que interveña o Seprona.