Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Conxo quéixanse de inseguridade viaria na praza da Mercé

Veciños de Conxo quéixanse de inseguridade viaria na praza da Mercé

Coas obras de mellora desapareceron os pasos de peóns tradicionais

Din que os coches ignoran a nova sinalización e pasan a máis de 20 pola zona

G24.gal 08/04/2024 12:04

Coas obras de mellora na praza da Mercé desapareceron as fochancas no pavimento, pero tamén os pasos de peóns que permitían cruzar con tranquilidade os viandantes.

"Eu quero pasar pero como non hai paso os coches non se dan de conta. Hai sinalización na entrada, pero non se percatan".

"O peón pasa por onde pode, eu creo que deberían poñer de novo os pasos de peóns á entrada e a saída da praza", din dous veciños.

A recta é longa e ancha e a maioría dos coches pasan a máis de 20. Para moitos, o problema está en que os condutores non están afeitos á nova sinalización que substitúe os pasos tradicionais. 

"A xente vén a velocidade e non cae na conta de que é zona peonil, o sinal é ben grande pero os condutores non están afeitos e ese tipo de sinais novos".

"Eu creo que deberían poñer avisos con luces, ou un semáforo, esta é unha praza moi transitada por maiores e nenos", explican dous viandantes.

No barrio lamentan tamén que, desde que se eliminaron os pivotes, moitos coches estacionan na praza. Malia que a policía multa con frecuencia, a escena repítese cada día. Algúns falan de poñer xardineiras como barreira, mentres que outros suxiren habilitar unha zona de parada rápida para recados.

"Eu poría media hora, así dinamizas a zona que está chea de baixos baleiros porque a xente non ten onde parar o coche un momento sen pagar aparcadoiro".

"Estaría ben habilitar unha zona de parada rápida, para un recado no banco ou o que sexa, sería bo para todos", propoñen dous veciños.

As obras aínda non foron entregadas oficialmente. Os veciños agardan que as súas propostas cheguen a tempo e que se fagan axustes que melloren a convivencia entre peóns e coches na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade