Manifestación cidadá polas rúas de Madrid en defensa da sanidade pública
Manifestación cidadá polas rúas de Madrid en defensa da sanidade pública
Reclaman máis investimento para atención primaria e o aumento de persoal nas urxencias e nos centros de saúde
Os coelctivos veciñais convocantes denuncian o trato "indigno" do Goberno de Madrid cara ao persoal sanitario
Unha manifestación cidadá, convocada por asociacións veciñais e por municipios, percorre este domingo o centro de Madrid baixo o lema "Madrid levántase pola sanidade pública".
Participan tamén profesionais das urxencias de atención primaria, que están chamados a unha nova xornada de folga.
A marcha, amenizada por batucadas compostas por máis de catrocentas persoas, comezou ás 12:00 horas e percorre varias rúas en catro columnas que confluirán desde diferentes zonas da cidade na praza de Cibeles. Alí instalouse un escenario no que se vai un manifesto e haberá varias intervencións.
Segundo o coordinador da acción, José Luis Yuguero, a veciñanza uniuse para presentar "batalla" contra as "arbitrariedades", os "recortes" e o trato "indigno" ao persoal da sanidade pública por parte do Goberno da Comunidade de Madrid. É algo que "non podemos admitir" porque son "os nosos heroes, deixaron a vida na pandemia e están deixando a pel para manter a calidade na asistencia", aseverou.
A convocatoria da protesta recibiu decenas de vídeos de apoio en redes sociais de actores como Juan Diego Botto, Luís Tosar, Alberto San Juan e Jorge Sanz, ademais do director de cinema Miguel Albaladejo.
Reivindicacións
No seu manifesto, os convocantes sinalan que a xestión da Consellería de Sanidade "potencia o modelo de colaboración público-privada" polo que "de cada dous euros orzados para a sanidade pública en Madrid, un termina en petos privados".
A Comunidade de Madrid, sendo a rexión con maior renda per cápita, "é a que menos diñeiro inviste en atención primaria, a que menos diñeiro gasta por habitante e a que menos centros de saúde ten por 100.000 habitantes", afirman.
Para os convocantes, "está a atentarse contra os dereitos laborais dos traballadores e contra a seguridade da cidadanía, sen cubrir con médicos os centros de urxencias e tentando suplir a relación terapéutica con videochamadas".
Entre outros asuntos, reclaman o 25 % do orzamento de sanidade para a atención primaria e a blindaxe da sanidade pública coa derrogación das leis que permiten a privatización sanitaria.
Tamén o aumento do persoal nos centros de saúde e nas urxencias con contratos "dignos e estables" que freen o éxodo de profesionais de Madrid a outros lugares.