Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Venda da Capela quéixanse de que o paso dos camións deixa a estrada a Gudiña case intransitable

Veciños de Venda da Capela quéixanse de que o paso dos camións deixa a estrada a Gudiña case intransitable

Os veciños levan días queixándose de que o paso dos camións con terra e pedras procedentes das obras dunha subestación eléctrica do AVE están a deixar a vía intransitable

G24.gal 16/11/2022 14:29

O veciños de Venda da Capela, na Gudiña, aseguran que os camións e máquinas que constrúen unha subestación eléctrica para a liña do AVE deixaron a vía en condicións lamentables.

Os veciños levan días queixándose de que o paso dos camións con terra e pedras procedentes das obras dunha subestación eléctrica do AVE están a deixar a vía intransitable.

"O problema que temos agora é este do barro, e claro, os coches vanse, chamando a un sitio e a outro e ninguén fai caso, ata que pase algo".

Consideran que é un perigo circular pola estrada deste xeito, pero din, non teñen alternativa. É a ruta máis curta para chegar á Gudiña, e de onde veñen taxis, ambulancias e calquera outro servizo que precisen.

"Hai unha persoa maior aquí que se pode por mala e non pode vir a ambulancia porque iso esvara. Hai unha persoa de axuda a domicilio que vén facer a limpeza e esvaroulle onte o coche."

"Tiven que vir amodiño, amodiño porque me daba ao cu o coche, e claro estou de acordo con que teñen que facer a obra, pero tiñan que nos limpar un pouco máis a estrada, ter un pouquiño máis de coidado con nós porque aquí somos case todos xente vella. Temos que ir á Gudiña a facer todo, a comprar, as medicinas, o médico... temos que ir a todo á Gudiña. Entón claro, queremos que nos teñan iso un pouco máis limpo, se non hai unha urxencia e non veñen nin buscarnos".

Os camións utilizan a vía para transportar a terra das obras da subestación a outra zona habilitada a apenas un quilómetro de aquí. Os veciños din que entenden a necesidade destes traballos, pero reclaman que alguén se faga cargo da limpeza da estrada.

"Eu o transporte que teño son os taxis, e xa non queren vir aquí. E se nos paran de vir os taxis, se nos para de vir o panadeiro, se nos para de vir o coche do comestible a ver que facemos".

A chuvia caída nos últimos días empeorou a situación. Tanto é así que a empresa encargada das obras decidiu suspender os traballos na subestación e o paso dos camións ata despexar por completo a estrada. Sabedores das queixas dos veciños din que no futuro van incrementar a frecuencia destas limpezas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade