Veciños dos Castros denuncian molestias diarias a causa do dono dun dos piso
Veciños dos Castros denuncian molestias diarias a causa do dono dun dos piso
Din que o problema está nas persoas que frecuentan a vivenda, en que sospeitan se está a levar a cabo unha actividade ilegal
Interpuxeron xa varias denuncias e a policía acode case a diario
Ameazas, altercados, ruídos e unha infinidade de molestias. Isto é o que denuncian veciños dun edificio do barrio dos Castros, na Coruña. Levan anos soportando esta situación a causa do propietario dunha das vivendas e das moitas persoas que entran e saen dela, sospeitan que para adquirir drogas.
Veciños deste dun inmoble da avenida de Oza xa están desesperados. Din soportar a diario as molestias a causa do dono dun dos pisos e da actividade ilegal que alí, din, se leva a cabo.
"Ruídos, as pelexas, o outro día saíron con navallas. Outro día apareceu o portal che de porcallada" explica unha das veciñas do edificio. "Estragos, malestar, de noite hai liortas" di afectado outro e engade "consumen no portal, nas escaleiras en todos os lados".
Os veciños din que os que frecuentan a vivenda no sexto piso chaman aos timbres a calquera hora e, se non abren, intentan forzar a porta, moitas veces co que atopan pola rúa. "De día e de noite: ás seis da mañá, ás tres da mañá... E os golpes de noite ao portal son terribles, hai noites que nin podo durmir", explica unha veciña que reside no segundo andar.
Falaron co veciño, interpuxeron denuncias e só lles queda que un xulgado dite orde de afastamento por actividade ilícita, pois o medo e a inseguridade vai en aumento. "Puxemos denuncia, pero dixéronnos que mentres non haxa algo físico que non vale de nada".
A policía acode case a diario e din que vixían, pero para a veciñanza isto non é suficiente. "A única solución é que se vaia ou que deixe esa actividade porque así xa non vén xente". E a esta posibilidade aférranse, pero manteñen poucas esperanzas de poder vivir tranquilos a curto prazo.