Veciños evacuados de zonas do municipio de Candelaria, en Tenerife, poden volver ás súas vivendas
Veciños evacuados de zonas do municipio de Candelaria, en Tenerife, poden volver ás súas vivendas
O incendio deixou máis de 12.000 desaloxados
Hai unhas 1.004 persoas nos albergues habilitados, xa que a maioría realoxáronse en casas de familiares
A última das evacuacións foi a dos traballadores do Parador Nacional do Teide, situado no municipio de La Orotava
Están a ser momentos moi complicados e de incerteza para aquelas persoas que tiveron que abandonar as súas vivendas a causa do incendio.
"Viamos que o lume chegaba máis preto das nosas vivendas". "Cando arde a vila, arde para todos e dóeche", dicían algúns afectados.
Este domingo axentes da Policía e da Garda Civil continuaban axudando na tarefa de desaloxo. Destaca tamén o traballo intenso dos bombeiros de centrar a estratexia en establecer liñas defensivas na contorna das vivendas.
"É unha tranquilidade que grazas aos efectivos de bombeiros conseguiran rescatar as nosas casas", di unha das persoas evacuadas.
Para algúns dos evacuados parece que o pesadelo vai rematando, despois de que a Dirección de Emerxencias das Canarias autorizara esta tarde o regreso ás súas casas dos veciños dalgunhas zonas do municipio de Candelaria, en Tenerife.
Entre eles, os que residen na parte alta dos barrancos de Araya; e desde Cruz del Camino ata a área recreativa de Los Brezos. Tamén poderán volver aos seus domicilios a veciñanza da parte alta de Igueste de Candelaria e da zona alta de Araya.
As persoas desaloxadas son algo máis de 12.000. Hai unhas 1.004 nos albergues habilitados, xa que a maioría realoxáronse en casas de familiares. Segundo o Goberno das Canarias, a situación nestes centros é de tranquilidade e tamén acollen 310 animais de compañía.
A última das evacuacións foi a dos traballadores do Parador Nacional do Teide, situado no municipio de La Orotava.