Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vero Boquete: "O problema está na raíz, e segue aí"

Vero Boquete: "O problema está na raíz, e segue aí"

A futbolista galega falou da situación do fútbol feminino tras o caso Rubiales

Vero Boquete pensa que se deron os cambios máis urxentes pero que cómpre unha aposta decidida con vistas ao futuro

G24.gal 13/10/2023 20:42

Fai xa case dous meses que a selección española se proclamou campioa do mundo. Dous meses en que o fútbol feminino viviu unha auténtica revolución que veu demostrar que os cambios son imparables. Vero Boquete cre que os avances son evidentes pero que queda moito camiño por percorrer. "O problema está na raíz e segue aí", asegura.

Esas estruturas, reflexiona a futbolista galega, son difíciles de remover. "Existe un problema cultural, de educación, de machismo que debemos estudar como sociedade", engade. 

Coas súas reivindicacións, as xogadoras fixeron tremer as bases da Federación. Á destitución de Jorge Vilda como técnico, agora seleccionador nacional marroquí, sumáronse por suposto a dimisión de Luis Rubiales e pouco despois as saídas dos responsables de Integridade, Márketing e Comunicación da Federación. Moitos deles prestaron xa declaración en calidade de imputados na Audiencia Nacional polo bico non consentido ou as presuntas coaccións posteriores a Jenni Hermoso.  

"Fixéronse cambios que eran necesarios e urxentes. Agora temos que darlles un tempo para ver se realmente existe vontade de ir ao máis profundo e de solucionar as cousas con vistas ao futuro. Cómpre depurar responsabilidades e renovar a xente que está á fronte para que lle dea ao fútbol feminino o futuro que merece", explica a xogadora da Fiorentina.  

Vero Boquete referiuse tamén á designación de Montse Tomé, segunda de Vilda e sinalada, entre outras cousas, por esa primeira convocatoria en que se forzou a comparecencia das xogadoras. "Todo iso danou a confianza do grupo nela e haberá que ver como se recupera de agora en diante. Non sabemos se a decisión final será mantela como seleccionadora ou buscar unha alternativa", di. 

A futbolista da Fiorentina falou tamén do regreso de Patri Guijarro e Mapi León á selección nacional. Algo que agarda se produza o antes posible polo ben do fútbol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade