Víctor Senra, octacampión galego de rallys
Víctor Senra, octacampión galego de rallys
O dumbriés imponse no Rally de Ferrol e acada o oitavo título consecutivo
O piloto de Dumbría Víctor Senra consolidou o seu dominio no Campionato Galego de Rallys. Chegáballe cun quinto posto pero acabou gañando, como é costume, o Rally de Ferrol e celebrou ao grande o seu oitavo título consecutivo. Desde o ano 2017 ninguén pode tusirlle a Senra, que foi quen de superar os máis grandes da historia como foran o seu pai, Manuel, ou Germán Castrillón.
A regularidade de Senra é abraiante. Malia todo contou cunha pinga de sorte co abandono de Daniel Berdomás no terceiro treito que lle facilitou moito as cousas nas estradas de Ferrolterra. De feito, Berdomás marcou o mellor tempo no treito inicial avisando das súas intencións. Senra puxo as cousas no seu sitio no segundo e a partir do terceiro, logo da avaría de Berdomás, o camiño quedou libre para un Senra que deixaba a Alberto Meira a máis de 40 segundos.
A partir dese intre Senra foi gañando os treitos agás o TC6 que foi neutralizado por un accidente e o TC7 no que Vinyes foi o máis rápido. Desde o título de Alberto Meira en 2016 o galego é un monólogo de Víctor Senra, con fame para seguir aumentando o seu palmarés.