Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vinte e tres restaurantes participan no Mes do Cocido de Lalín

Vinte e tres restaurantes participan no Mes do Cocido de Lalín

Contan con servir uns 5.000 cocidos a uns prezos que van dos 25 aos 50 euros

G24.gal 15/01/2024 14:05

Superados os excesos na mesa do Nadal, comeza o mes do cocido en Lalín. Ata o próximo 14 de febreiro, os 23 restaurantes participantes servirán máis de 5.000 cocidos completos a un prezo de entre 25 e 50 euros.

Aínda que a Festa do Cocido de Lalín é sempre o domingo anterior ao Entroido, na capital do Deza dedícanlle un mes completo a este prato tradicional co cocho como protagonista.

“Falar de cocido é falar de Lalín. É algo que está moi instaurado, tanto a nivel de hostalería como da sociedade. Á xente de aquí gústalle convidar os amigos de todos os lados gozar do prato”, explica Diego López, cociñeiro.

Cacheira, lacón, soá, touciño ou costela son algunhas das partes do cocho que habitan no cocido lalinense.

Tamén os chourizos, elaborados con carne do mesmo animal, e todo iso acompañado de cachelos, grelos e garavanzos.

“A preparación é un punto importante tamén, de non estragalo, sobre todo. Pero o produto e a selección do produto, o punto de curación óptimo, ademais, desalgalos é a clave do prato”, di Diego.

As potas dos restaurantes de Lalín xa fumean e seguirán así ata o próximo 14 de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar