Volve estar de moda a boina, en todas as súas variedades
Volve estar de moda a boina, en todas as súas variedades
Aumentan as vendas das puchas negras de toda a vida e tamén doutras cores
Volve a boina, un complemento que en realidade nunca acabou de irse. Xa sexan de cores ou a clásica negra de toda a vida, son cada vez máis demandadas por clientes de todas as idades.
Nesta sombreirería centenaria de Lugo sinalan que as puchas nunca se deixaron de vender. Máis ben ao contrario, posto que hai quen as leva de recordo, para emular os seus avós ou simplemente para lucilas nas súas diferentes cores.
Ofelia Souto, xerente dunha sombreirería: "A boina sempre estivo aí, e sempre tivo o seu público. Moitas veces véndense para rememorar que o seu avó andaba sempre con ela. E lévanse moito para fóra".
Outro motivo de peso para poñer a boina é a chegada do frío. Precisamente ao comezo do inverno é cando se dispara a demanda destas gorras redondas de feltro con menos de doce polgadas de voo.
Ofelia Souto, xerente dunha sombreirería: "A sombreirería depende moito do tempo. Se non vai frío, a xente ao mellor non se acorda de que ten que levar algo na cabeza. O frío axúdanos moito, e agora xúntase co Nadal".
Tocante aos prezos das puchas, tamén son accesibles para todo o mundo. As máis sinxelas poden adquirirse por menos de 20 euros, mentres que as de forro impermeable apenas pasan dos 30.