Volve o Bono Activa Comercio a partir do 15 de maio
Volve o Bono Activa Comercio a partir do 15 de maio
A liña estará aberta ata que se consuma todo o crédito disposto de 2,5 millóns de euros
Os comercios poderán adherirse á campaña a partir do próximo martes 9 de maio
En 10 días volveremos ver este adhesivo no pequeno comercio de toda Galicia. A campaña chega con novidades. Non haberá límite para descargar no móbil o Bono Activa Comercio e a liña estará aberta ata que se consuma todo o crédito, 2,5 millóns de euros.
"Van permitir unha mobilización de oito millóns e medio de euros en vendas no pequeno comercio e, sobre todo, moi distribuído polo territorio. Non só o comercio de proximidade nas cidades senón tamén no rural, pequenas tendas que teñen a oportunidade de ofrecer esta iniciativa", explicou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde.
Os comercios poderán adherirse á campaña a partir do próximo martes 9 de maio. Roberto que participa coa súa tenda desde a primeira edición da campaña. E volverá anotarse. Di que "supón un impulso. Realmente funciona. E ademais cada ano coñéceo máis xente".
Os clientes poderán beneficiarse dos 30 euros de desconto a partir do 15 de maio, só con descargar o bono. Hai quen o agarda para "gastalo aos poucos para repartilo entre as tendas" e o que o ve como "unha axuda porque cada vez soben máis os prezos".
A iniciativa dinamiza o comercio de proximidade e reforza o vínculo dos clientes. Nunha das tendas cóntannos: "Temos clientes que nos pediron que lles gardemos unha colección para cando saian os bonos".
"A min sáeme máis barato comprar o produto e a tenda vende máis e xera máis clientela habitual", di outro cliente.
Os descontos serán de 5, 10 ou 15 euros, dependendo da contía da compra.