Xa poden solicitarse as prazas para campamentos de verán da Xunta
Xa poden solicitarse as prazas para campamentos de verán da Xunta
A oferta desta tempada estival conta con 11.500 prazas, 300 máis que a pasada
Tamén inclúe unha convocatoria específica para persoas con discapacidade
As prazas para os campamentos e campos de voluntariado de verán organizados pola Xunta poden solicitarse desde este mércores ata o próximo 30 de abril. A oferta desta tempada estival conta con 11.500 prazas, 300 máis que na pasada edición.
As novidades deste ano están na estrea de catro novos campamentos: o de Boiro, centrado no ámbito artístico; o do Monte do Gozo de Santiago orientado á música; o de Becerreá (Lugo) sobre o mundo agroforestal e o de Allariz, situado no Centro de Formación Valverde.
Ademais, a oferta desta tempada tamén inclúe unha convocatoria específica para persoas con discapacidade que conta de novo con 250 prazas que poderán solicitarse a través da web da Consellería de Política Social.
En canto aos campos de voluntariado, o prazo para a primeira quenda tamén quedou aberto este mércores, coa novidade da creación de cinco novos de carácter estatal: Aranga (A Coruña), Samos (Lugo), Ribadavia (Ourense), Poio (Pontevedra) e Ponteareas (Pontevedra) e outro de índole internacional na Merca (Ourense).
Así mesmo, o Castro de Viladonga, situado no municipio lugués de Castro de Rei, volverá acoller este verán o campo de voluntariado específico para persoas galegas do exterior.
Tamén quedou aberto o período para que as entidades que organicen actividades para grupos de mozos poidan solicitar a cesión de instalacións que forman parte da rede da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Ademais, a oferta deste verán inclúe un novo programa de lecer alternativo que terá lugar de xoves a domingo nos albergues de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz e no albergue de montaña de Trevinca (A Veiga).