Xa son 18 os positivos detectados no gromo de médicos residentes da área de Santiago
Xa son 18 os positivos detectados no gromo de médicos residentes da área de Santiago
Realizouse un cribado ao que acudiron o 70 % dos 300 sanitarios citados
O gromo orixinouse tras unha cea en que participaron unhas 120 persoas
A dirección descoñecía a celebración da cea e insiste en evitar actos masivos
O gromo detectado no colectivo de médicos internos residentes da área de Santiago rexistra xa 18 casos positivos de coronavirus, segundo confirma a xerencia da área sanitaria.
Tras un cribado específico para este colectivo ao que citaron 300 persoas e ao que asistiron preto do 70 por cento, confirmáronse sete casos positivos máis logo dos 11 iniciais. As autoridades sanitarias explican que "hai que ter en conta que nestes intres moitos residentes xa non se atopan en Santiago".
O gromo está vinculado á celebración dunha cea celebrada o pasado 7 de decembro á que acudiron unhas 120 persoas desoíndo a recomendación de evitar actos masivos que fixera o servizo de Medicina Preventiva.
"Nin a dirección da área sanitaria nin o coordinador de docencia tiñan coñecemento da celebración deste evento que contravén as directrices marcadas polo Servizo de Medicina Preventiva", remarcan desde a área sanitaria.
O virus colleu velocidade nos últimos días na área sanitaria de Santiago. A media de contaxios diarios a pasada semana era 98, na última xornada foron 179.