Xeneral González Arias: "Galicia é a terceira comunidade máis segura do Estado"
Xeneral González Arias: "Galicia é a terceira comunidade máis segura do Estado"
No que vai de ano, os delitos caeron un oito por cento con relación a 2022
Os labores da Garda Civil no rural van moito máis aló do seu cometido en materia de seguridade facendo tarefas asistenciais
Ao longo do ano 2022 rexistráronse en Galicia algo máis de 95.000 delitos, un 7,7 por cento máis que en 2021. Estas cifras converten a nosa terra na terceira comunidade máis segura do Estado. Así o puxo de manifesto o xefe da Garda Civil en Galicia, o xeneral de brigada Miguel Ángel González Arias, no decurso dunha entrevista para o espazo informativo Bos días da Televisión de Galicia.
"No primeiro trimestre deste ano incluso mellorou a situación", sinalou González Arias, "xa que se rexistrou un descenso do oito por cento no índice de criminalidade con relación ao anterior exercicio".
Tamén apuntou a un descenso dos parámetros da ciberdelincuencia, cuxo ascenso se está freando con relación ao que estaba a acontecer nos últimos tempos.
Bandas organizadas
O máximo responsable da Garda Civil en Galicia negou que en Galicia houbese bandas organizadas.
"Detéctanse algúns grupos que provocan leas e pelexas tumultuarias, pero non están organizados ao estilo das bandas latinas. Actúan de xeito espontáneo e esporádico", indicou o xeneral González Arias.
Unha das principais necesidades para a seguridade en Galicia é, segundo o mando da Benemérita, "a escaseza de Policía Local" en moito concellos tendo que asumir a propia Garda Civil moitas tarefas que lle son propias a este corpo.
Respecto ao número de efectivos do instituto armado, dixo que contan coa avantaxe da elevada porcentaxe de naturais da nosa terra.
"Na Garda Civil hai moitos galegos e unha gran parte deles queren vir para a súa terra, polo que a cifra de axentes e razoablemente alta, aínda que tampouco viría mal un incremento dos reforzos."
A metade dos casos de violencia machista, ata 2.300, están encomendados a Garda Civil, polo que foi necesario incrementar os entes con formación específica nesta materia ao longo dos últimos tempos.
Rural
Un dos eidos onde é fundamental o labor da Garda Civil é o mundo rural. Neste sentido, o xeneral lamentou a tardanza nalgúns casos debido á fragmentación da poboación.
"O problema que temos é o tempo de resposta, debido á dispersión poboacional de Galicia".
Amais das cuestións de seguridade, destacou o importante labor que fan os axentes no extenso mundo rural galego.
"Facemos incluso labores asistenciais con xente maior que vive soa á que os axentes visitan con asiduidade para saber se precisan algo ou incluso darlles conversa", manifestou González Arias ao programa 'Bos días' da Televisión de Galicia.