Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xi Jinping non renuncia ao uso da forza para conseguir a reunificación con Taiwán

Xi Jinping non renuncia ao uso da forza para conseguir a reunificación con Taiwán

O presidente chinés inaugura o vixésimo Congreso do Partido Comunista

Dentro dunha semana será reelixido secretario xeral para un terceiro mandato

Xi Jinping, no vixésimo congreso do Partido Comunista Chinés
G24.gal 16/10/2022 20:55 Última actualización 16/10/2022 21:08

A China perseguirá a reunificación pacífica con Taiwán pero non renuncia a utilizar a forza para conseguilo. O presidente do país e secretario xeral do Partido Comunista inaugurou este domingo o vixésimo congreso do partido con esta mensaxe aos independentistas taiwaneses e cunha defensa pechada da súa política de covid cero.

O partido comunista chinés celebra o seu congreso nunha Pequín blindada e con fortes restricións para evitar a propagación da covid. Os xornalistas permaneceron dous días confinados para poder asistir e todos deben levar máscara branca ou azul.

Terceiro mandato

Dentro dunha semana, o presidente do país e actual secretario xeral do partido, Xi Jinping, será reelixido para un terceiro mandato, algo que non ten precedentes entre os seus antecesores.

O líder chinés foi recibido con aplausos polos máis de 2.000 delegados chegados de todo o país.
No seu discurso inaugural pediu valentía para construír un país socialista moderno, cunha maior distribución da riqueza, e destacou os avances tecnolóxicos chineses.

Xi tamén se dirixiu ao que chamou actividades separatistas e provocacións do exterior. Afirmou que Taiwán é da China. Dixo que buscará a reunificación pacífica coa illa pero que nunca van renunciar ao uso da forza armada.

Resposta de Taiwán

Pouco despois Taiwán, que conta cunha Constitución e un goberno democrático pero que nunca declarou a súa independencia, reiterou a través dun comunicado que seguen comprometidos coa liberdade e a democracia e que un conflito entre as dúas partes non é unha opción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade