Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xogo de trono tributario, por María Cadaval

OPINIÓN

Xogo de trono tributario, por María Cadaval

G24.gal 30/09/2022 08:03

A economía española segue marcada pola dinámica que imprimiu a crise sanitaria. Durante o ano 2020 a recadación tributaria afundiuse ao tempo que o gasto público se incrementou dun xeito exponencial para compensar as consecuencias sanitarias e económicas da covid-19. Isto xerou un déficit por riba do 10 % e unha débeda pública que superou o 125 % do PIB. Estes desequilibrios foron baixando ao tempo que o facía a incidencia da pandemia, mais, igual que o PIB, que aínda non se recuperou, tampouco o fixeron os niveis de déficit e a débeda, albergados baixo o paraugas da suspensión das regras fiscais e das compras extraordinarias de débeda por parte do Banco Central Europeo a custo case cero.

Mais esta realidade mudou, a política expansiva do BCE é agora restritiva e está a provocar unha suba dos tipos de xuro ao tempo que o Instrumento para a Protección da Transmisión (ITP) da política monetaria terá unha maior condicionalidade á hora de financiar os Estados. Todo isto nun contexto en que a compoñente estrutural do déficit público segue ancorada arredor do 4 % do PIB e, de non introducirse cambios substanciais no lado dos ingresos e dos gastos públicos, manterase aínda cando as regras fiscais volvan actuar, no 2024, e tamén regresaron os tipos de xuro positivos, nun contexto de crise e recesión en que un dos grandes problemas é a inflación.

É precisamente a inflación a que marca a toma de decisións na política fiscal. De xeito ordinario, pero mais aínda nun contexto inflacionista, sería correcto tecnicamente que se deflatasen os elementos substanciais dos impostos e, de xeito particular, no IRPF. Deflatar consiste en actualizar tanto os tramos da tarifa coma os mínimos exentos, bonificacións, deducións e reducións co fin de non propiciar unha suba encuberta de impostos. É dicir, tecnicamente deflatar un imposto non significa baixalo senón deixar de subilo de xeito silencioso.

Esta semana a OCDE e o FMI, ao igual que xa viña facendo o BCE, advertiron dos efectos negativos das baixadas xeneralizadas de impostos e pediron aos Estados poñer o foco nas medidas concretas e selectivas que alivien a situación das persoas e empresas mais vulnerables e ao tempo graven máis aqueles contribuíntes que están en mellores condicións, co fin de que fagan un esforzo adicional e eviten así empeorar as ratios de déficit e débeda pública ante un panorama de arrefriamento xeneralizado da economía.

Neste contexto, o Ministerio de Facenda acaba de anunciar un conxunto de medidas de carácter temporal que veñen marcadas polo momento extraordinario que se está a vivir, ademais do calendario electoral, que é o causante dos movementos tributarios dos últimos días, alén da necesidade de reformar en profundidade o sistema fiscal español.

Así pois, entre as novidades anunciadas, o mais destacado está no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas ou IRPF, no imposto de solidariedade sobre as grandes fortunas (ISGF) e as novas medidas sobre o imposto de sociedades (IS). Mais, cando comezarán a funcionar? O alivio fiscal chegará nos exercicios 2023 e 2024, cando rematará tamén, a priori, a vixencia dos impostos provisionais, se é que non acaban sendo permanentes. Cómpre lembrar que o imposto do patrimonio naceu no ano 1978 con carácter temporal e segue vixente a día de hoxe. Así pois, as medidas fiscais sábese cando comezan mais non cando rematan.

O paquete anunciado polo Goberno inclúe:

1. Unha rebaixa do IRPF para as rendas inferiores a 21.000 euros brutos anuais a través da extensión da redución por rendementos do traballo dende os 18.000 ate os 21.000 euros, que afecta sobre todo a aquelas persoas que teñen a obriga de declarar e unha renda anual por debaixo da mediana. Ao mesmo tempo, aumenta o mínimo a partir do cal se empeza a tributar aos 15.000 euros en vez dos 14.000 actuais, para que non afecte, por exemplo, unha previsible suba do salario mínimo. Ademais, os autónomos que tributan por estimación directa simplificada aplicarán unha redución automática do 5 % do rendemento neto dos módulos, cun importe máximo anual de 2000 euros, e subirase do 5 % ao 7 % a redución dos gastos de difícil xustificación. Así mesmo, e en contrapartida, elévanse os tipos que gravan os rendementos do capital superiores a 200.000 euros, dende o 26 % ao 27 % e ata o 28 % para aqueles superiores a 300.000 euros.

2. Tramitarase de xeito paralelo aos Orzamentos Xerais do Estado, a través dunha lei propia, un novo imposto de “solidariedade” ás grandes fortunas que estará vixente nos exercicios 2023 e 2024 (en principio) para patrimonios superiores aos tres millóns de euros netos. En realidade, do que se trata é de neutralizar a bonificación do 100 % que estableceron algunhas comunidades autónomas como a de Madrid ou a de Andalucía e tamén a do 50 % da comunidade galega. Na práctica, o novo imposto ten como obxectivo harmonizar o gravame sobre o patrimonio en todo o territorio nacional, non afectando a aquelas comunidades que o manteñen e si aos contribuíntes daquelas outras que pretenderon eliminalo de feito (aínda que non de dereito, porque non poden).

3. No imposto de sociedades (IS) redúcese a factura das pemes mentres que aumenta a dos grupos consolidados, para o que se establece unha tributación mínima do 15 % e se limita ao 95 % a exención de dividendos e plusvalías. Neste mesmo senso, limitase nun 50 % a posibilidade de compensar as perdas nos grupos consolidados é dicir, adíase a posibilidade de compensar bases impoñibles negativas, mais non se elimina. Esta é unha das medidas mais controvertidas, pois introduce unha certa dose de inseguridade xurídica.

En definitiva, estas medidas e novidades fiscais, xunto con outras medidas de carácter mais selectivo coma a rebaixa do IVE a certos produtos de hixiene feminina, poñen a mirada selectiva sobre cuestións concretas, lonxe dunha baixada xeneralizada de impostos. Ao mesmo tempo queren responder a unha repartición equitativa das cargas desta crise tratando de obter recursos adicionais das persoas e empresas que van gañar nesta situación. Mais as estimacións son un chisco optimistas na recadación adicional que se espera. Veremos cal é finalmente o seu impacto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade