Yolanda Díaz di que a xornada laboral se vai reducir mesmo sen acordo coa patronal
Yolanda Díaz di que a xornada laboral se vai reducir mesmo sen acordo coa patronal
A vicepresidenta segunda do Goberno matiza que prefire o pacto coa CEOE
CC OO e UXT coinciden en que xa se gañou a batalla da opinión pública sobre este tema
Contexto: festa anual do PCE en Madrid. Debate sobre a xornada laboral. Nese marco, a vicepresidenta Yolanda Díaz insiste en que se vai gañar a partida da redución da xornada laboral contando coa patronal ou sen ela.
"Queremos acordo? Si. Traballamos para o acordo? Si. É posible o acordo? Sempre. Agora ben, se non hai acordo, o Ministerio de Traballo e o Goberno de España van reducir a xornada laboral, como fixemos co salario mínimo interprofesional".
O líder da UXT explicou que os sindicatos tiraron do carro e dálle a benvida ao Partido Popular a este debate, malia as diverxencias.
"Sorprendido de que para o Partido Popular este sexa un tema que entre dentro dos temas a debater. Creo que é un avance realmente importante", opinaba Pepe Álvarez.
Mentres, o secretario xeral de Comisións Obreiras di que conta cos votos a favor da redución da xornada do PNV e desconfía máis de Junts.
"Eu creo que hai aquí un reto moi importante e é que se pague, que se sancione socialmente e electoralmente, por que non?, poñerse á contra dunha medida tan popular", sinala Unai Sordo.