Yolanda Díaz insta a Podemos a explicar "por que non quere estar" en Sumar
Yolanda Díaz insta a Podemos a explicar "por que non quere estar" en Sumar
A candidata de Sumar cre que "non sería un fracaso" se non concorren xuntos
Podemos insiste en pechar un acordo e ve con "preocupación" as declaracións de Díaz
Gómez-Reino: "Estou convencido de que non hai alternativa que non sexa ir todos xuntos"
Quince organizacións políticas arrouparon a Yolanda Díaz na presentación da súa candidatura, pero non acudiu Podemos. A líder de Sumar ínstaos a "explicarlle a cidadanía por que non quere estar" na nova plataforma.
"Sumar segue camiñando, e dende logo, encantaríanos que este movemento se ensanche moito máis", asegurou este luns a tamén vicepresidenta segunda. Aínda así, apunta Díaz nunha entrevista en El País, "non sería un fracaso" se, finalmente, Podemos non se integra en Sumar.
Pola súa parte, os morados seguen tendendo a man para chegar a un acordo electoral ao tempo que se amosan "preocupados" e "sorprendidos" por que este luns Yolanda Díaz "non apostase dunha forma rotunda, de maneira incontrovertible, pola unidade".
Pablo Iglesias, exsecretario xeral de Podemos opina que, se, ao final, "Sumar decide ir sen Podemos" ás xerais, "ser unha traxedia electoral e política".
Dende o PSOE cualifican de boa noticia o lanzamento de Sumar e, segundo o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, "sería aínda mellor noticia que fosen unidas todas as forzas políticas á esquerda do PSOE, sen excepción".
Dende o PP cren que o executivo é agora un tripartito ao sumar unha nova división. "Dá a sensación de que estamos ante un goberno máis preocupado en repartirse os restos do naufraxio que en salvar os españois de ver o país afundido", asegurou en rolda de prensa o seu voceiro de Campaña, Borja Sémper.
Tamén admitiu que o cisma entre Sumar e Podemos podería beneficiar electoralmente o PP.