A fundación MOP albergará a obra do fotógrafo Helmut Newton ata maio do 2024

Unha colección de proxeccións audiovisuais, obxectos persoas, fotografías e portadas de revistas permitirán coñecer a vida e obra do fotógrafo alemán

A mostra abrirá as súas portas o venres 18 de novembro

Fotografías da exposición 'Helmut Newton. Fact&Fiction' (EFE)
G24.gal 17/11/2023 16:50

A Coruña acolle por terceiro ano consecutivo a retrospectiva dun fotógrafo de moda. Nesta ocasión, a fundación Marta Ortega Pérez (MOP) albergará a obra do alemán Helmut Newton, considerado un dos fotógrafos máis importantes pola súa mestría á hora de unir "provocación, contraste e poderío" nunha soa imaxe.

'Helmut Newton. Fact&Fiction' recolle as imaxes, murais, recortes de prensa e obxectos persoais do fotógrafo, moi recoñecido pola súa linguaxe "audaz, empoderadora, sen complexos e sempre provocativa". A exposición poderá visitarse dende o sábado 18 de novembro ata o 1 de maio do 2024, nas instalacións do Peirao de Batería.

Os comisarios da mostra, o vicepresidente da Fundación Helmut Newton, Philippe Garner, e o director da mesma, Matthias Harder, aseguran que as tres salas que compoñen a mostra farán ao visitante testemuña da "influencia na fotografía moderna e nas artes visuais", con máis de seis décadas de carreira.

Na exposición poderanse ver pezas audiovisuais con testemuños de modelos e amigos de Newton, do seu proceso creativo, a súa infancia marcada pola Alemaña nazi, así como tamén portadas de revistas, obxectos persoais e consultas das súas colaboracións a través de pantallas táctiles. 

Provocación e contraste  

O groso da exposición confórmano as súas fotografías, dende os anos 60 ata os 2000

"A selección de fotografías que conforma a exposición é unha boa mostra da linguaxe visual audaz, empoderadora e sen complexos característica de Newton, incluídos os seus icónicos grandes espidos e os seus inesquecibles retratos de personaxes excepcionais como David Bowie, Margaret Thatcher, Charlotte Rampling, Jerry Hall ou Naomi Campbell", explican os comisarios da mostra.

"Newton entendeu sempre onde estaban os límites e tratou de empuxalos todo o que puido, amoldándose aos diferentes contextos en que traballaba, ás diferentes culturas", sinala Garner, xa que non era o mesmo dirixir imaxes para o público americano que para o francés.

En 1981 o fotógrafo publicou catro imaxes de mulleres espidas, que supuxeron "un grande escándalo", ao mesmo tempo que provocaron o seu salto das revistas ás galerías. A contradición era outra das características de identidade do fotógrafo berlinés, que lle axudou a "desenvolver unha nova fotografía de moda".

As súas imaxes tamén recollen a forza física das modelos, a súa sensualidade e o seu poder. Isto último, segundo explica o director da fundación Newton, "representa o traballo de Helmut. As liñas entre as categorías en que traballou (fotografía de moda, retrato, espido) desdebúxanse. A propia Rampling dixo que sacou algo que ela non sabía que tiña. Certa sensualidade, certo poderío. Axudaba a atopar esa forza interior. Retrato, moda, poder e sensualidade. Iso é fundamental para Helmut".

Outras influencias

Para o fotógrafo berlinés a luz natural e o mar tamén eran fontes de inspiración. Bebía tamén do cinema e o autorretrato de inspiración española, que se atopa na última sala, que recolle unha selección de obras feita polo propio artista en 1991, cando un infarto lle fixo reformular a súa vida e carreira.

Helmut Newton tamén cultivou outra fotografía, a paisaxística, imaxes evocadoras dos lugares máis influentes na súa obra e que demostran que "era moito máis que un fotógrafo de moda". Como explica Harder, nesta mostra atópanse impresións "moi especiais". "A diferenza doutras exposicións que hai en Roma ou que se deseñan en Berlín e despois levan a outros lugares, neste caso trouxéronse esas impresións exclusivas do seu traballo a partir dos anos 60 e nun período posterior", apuntou.

Visitas guiadas

O acceso á exposición 'Helmut Newton. Fact & Fiction' é gratuíto, aínda que tamén se pode reservar unha visita guiada cun custo de cinco euros. A venda do merchandaising, segundo explican dende a organización, permitirá a posta en marcha do programa Future Stories, que dá bosas de estudos a dez estudantes de arte galegos para que poidan desenvolver os seus proxectos ou fagan residencias no exterior.  

Así mesmo, a fundación MOP dispón dun programa educativo dirixido por artistas que vira arredor das súas exposicións e quere levar a figura de grandes fotógrafos ás aulas galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade