A saúde emocional no traballo e a igualdade, a debate nun congreso do sistema sanitario público
A saúde emocional no traballo e a igualdade, a debate nun congreso do sistema sanitario público
Son máis de 300 profesionais de todas as comunidades unidos no obxectivo de mellorar o servizo aos cidadáns
Santiago é a segunda cidade que acolle este encontro, o ano pasado foi en Barcelona. No congreso hai directivos de hospitais de todas as autonomías e persoas con responsabilidade na organización do persoal sanitario. Abordan a saúde laboral nos centros sanitarios, cun obxectivo común: mellorar o servizo aos cidadáns.
"Temos que buscar líderes novos, comprometidos coa atención ao paciente, con ideais que debemos aproveitar para que iso redunde no beneficio de organización. A todos nos move facilitarlles o traballo aos profesionais para que sirvan mellor a cidadanía, que é do que se trata", declarou Ana Comesaña, presidenta do Congreso e responsable de Recursos Humanos do Sergas.
O segundo gran bloque temático é a igualdade. Nos cadros de persoal, pero tamén no ámbito da vixilancia da saúde. Con iniciativas de cribado desde os centros de primaria do Sergas.
"Avoga polo cribado universal que significa preguntar a todas as mulleres que acoden ao centro de saúde", dixo Rosana Izquierdo, médico de Atención Primaria que forma parte do grupo contra a violencia de xénero do Sergas.
E tamén a vixilancia da saúde mental usando novas ferramentas, como a intelixencia artificial.
"As persoas con ideación suicida nas redes sociais adoitan ser mulleres menores de 39 que falan de temas relacionados co suicidio como autolesións, métodos, ou de problemas que puideron causar esa ideación suicida como abusos sexuais na infancia, acoso escolar, problemas de parella, problemas económicos...", explicou Ana Freire, enxeñeira e investigadora da Universidade Pompeu Fabra.
Temas que se abordan en relatorios e mesas redondas nun congreso que aínda continúa mañá na Cidade da Cultura.