Novos cortes na subministración de auga en Monforte
Novos cortes na subministración de auga en Monforte
A sexta avaría en nove días deixou negocios e centos de veciños sen abastecemento
En nove días rexistráronse ata seis cortes na traída de auga en distintos puntos da vila de Monforte. A última avaría na rede de abastecemento detectouse na céntrica rúa Escultor Francisco Moure, próxima á Compañía.
Desta volta, centos de veciños quedaron sen servizo durante máis de seis horas, ata media mañá. Durante ese período, moitos dos afectados tiveron que ir mercar garrafas ou mesmo acudir a outras casas para o seu aseo.
Laura Estévez, xerente dun supermercado: "Isto pasa con frecuencia, e cando temos avaría de auga xa a primeira temos constantemente xente levando garrafas, o triplo da venda habitual. Quedas sen existencias e botas o día repoñéndoa".
As avarías tanto afectan os residentes coma os negocios da contorna, como é o caso das cafeterías ou dos salóns de peiteado. Fartos desta situación, os monfortinos demandan unha solución definitiva que parte da renovación integral das tubaxes.
Rosa Castro, dona dun salón de peiteado: "Sen poder traballar, practicamente todas as mañás. A última semana houbo seis cortes de auga, o cal non me parece lóxico".
O corte máis duradeiro na traída de auga, rexistrado a fin de semana, prolongouse ata doce horas.