O buque Patiño de aprovisionamento en combate recala en Ferrol

Pasou dous meses e medio no Mediterráneo oriental, dando apoio á misión preventiva de resposta da OTAN á invasión da Ucraína

G24.gal 10/12/2023 15:07 Última actualización 10/12/2023 18:58

Domingo de emocións intensas en Ferrol. O buque de aprovisionamento Patiño regresou á súa base despois de case dous meses e medio de operacións no Mediterráneo oriental dando apoio loxístico á frota da Alianza Atlántica.

É unha historia de ausencias e reencontros con dúas miradas. Unha é a dos que agardan en terra máis de dous meses despois da despedida forzosa.

"Estar separada dun fillo sempre é duro, e aínda que leva moitos anos na Mariña e xa vivín esta experiencia moitas veces, cada unha é distinta".

"Estamos felices porque agora veñen as datas importantes, o Nadal, fin de ano, entón si que nos alegra que poidamos estar todos na casa".

"Intentas acostumarte, pero soa aquí coas nenas é un pouco difícil, pero é máis difícil para eles".

A outra é a mirada dos que regresan tras unha operación esixente moi lonxe da casa. A mirada de cento noventa homes e mulleres que partiron o 27 de setembro para apoiar a misión preventiva de resposta da OTAN á invasión rusa de Ucraína no Mediterráneo oriental.

O buque de aprovisionamento en combate Patiño amarrou no peirao dez de Navantia minutos despois das once e media da mañá. As dúas miradas, a dos que quedaron e a dos que marcharon, volveron encontrarse.

"Moi ben, todo xenial, e ademais este recibimento é especial. Cumprimos a misión e agora tócanos descansar coa familia e estar na casa".

"Traballamos moito, pero é unha recompensa estar aquí, chegar e ver todo isto, o recibimento coa banda de música e todos os familiares, e que non chova tamén".

"Agora, pasar o Nadal na casa e descansar".

Esta historia de ausencias e reencontros volverá escribirse, con outros protagonistas, o próximo 22 de decembro. Para ese día está prevista a volta da fragata Méndez Núñez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade