O Goberno envía a lei de amnistía á Comisión Europea e ofrécese a explicarlla

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, trasladoulle á vicepresidenta da Comisión Europea, Vera Jourova, e ao comisario de Xustiza, Didier Reynders, o texto da norma como comprometera a semana pasada

Bolaños dilles que debe seguir o trámite parlamentario e pide manter unha reunión para explicar a posición do Goberno sobre a amnistía

A lei de amnistía: que é e a quen afecta; entrada en vigor, recursos e posible suspensión

O ministro da Presidencia rexistrou este luns a lei de amnistía no Congreso (EFE/Fernando Villar)
G24.gal 14/11/2023 13:36 Última actualización 14/11/2023 14:54

O ministro da Presidencia en funcións, Félix Bolaños, dirixiuse á vicepresidenta da Comisión Europea, Vera Jourova, e ao comisario de Xustiza, Didier Reynders, para enviarlles a proposición de lei de amnistía rexistrada polo PSOE e solicitarlles ademais unha reunión para explicarlles o seu contido.

Trátase de dúas cartas coas que, segundo dixo a ministra portavoz, Isabel Rodríguez, tras a conferencia de prensa do Consello de Ministros, cúmprese cun "compromiso do Goberno".

A semana pasada o Executivo contestou a un requirimento do comisario Reynders, que pedira a España información "detallada" sobre a lei, asegurando que aínda non podía achegar datos concretos sobre o contido do texto.

Unha vez rexistrado xa, sinalou Rodríguez, o Goberno cumpre con ese compromiso ao remitir copia da iniciativa "desde a tranquilidade de presentar un texto legal importante para o noso país, impecable desde o punto de vista xurídico, ancorado no marco Constitucional".

Engadiu desde o Goberno están "encantados de poder conversar e transmitir o contido coas institucións europeas".

Félix Bolaños sinálalle á vicepresidenta Jourova que lle escribe na súa condición de responsable de Valores e Transparencia na Comisión Europa. Infórmalle da presentación da norma no Congreso e engade que ao entender que se trata "dun tema do seu interese" comunícalle que agora debe seguir "a correspondente tramitación parlamentaria" polo que lle propón explicarllo persoalmente.

"Gustaríame ter a ocasión de manter unha reunión con vostede o máis axiña posible, para poder expoñerlle a posición do Goberno de España sobre esta materia", conclúe.

Na súa carta ao comisario Reynders, á que tamén tivo acceso EFE, infórmalle igualmente da presentación da proposición, envíalle outra copia e emprázalle, do mesmo xeito que fai coa vicepresidenta, a celebrar canto antes unha reunión, nos mesmos termos, para explicar os argumentos do Executivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade