O PSOE de Castro Caldelas consegue a maioría absoluta na repetición electoral

Os populares lograron 407 votos, seguidos polo BNG con 25

Rexistrouse unha participación do 78 %

A alcaldesa socialista Sara Inés Vega (EFE) A alcaldesa socialista Sara Inés Vega (EFE)
G24.gal 26/11/2023 22:33 Última actualización 27/11/2023 09:06

A alcaldesa de Castro Caldelas Sara Inés Veiga conseguiu manter o bastón de mando, por 46 votos, tras a repetición electoral que tivo lugar este domingo, despois de que no proceso anterior se perdesen as garantías de 118 papeletas por correo. Coas cifras dos colexios xa pechados, a participación aumentou con respecto á cita anterior, de maneira que se situou en 81,36 por cento, fronte ao 74,27 por cento de maio deste ano, é dicir, case sete puntos máis de votos emitidos.  

Os datos provisionais apuntan que o PSOE obtivo o 50,9 por cento das papeletas (453), algo máis do 48,83 dos comicios de maio. O PP de César Enrique Cachín tamén subiu ao 45,73 por cento dos votos, cun total de 407 papeletas emitidas.  O BNG, que rozara o 5 por cento no anterior proceso, que xa o deixara fóra da corporación municipal, obtivo apenas 25 papeletas favorables (2,81 %) nesta repetición de eleccións.

Nesta cita estaban chamados ás urnas os 1.123 inscritos no censo para o anterior proceso. De feito, os maiores de idade que cumpriron os 18 despois do 28 de maio non puideron acudir ás urnas nesta cita. Neste tempo faleceron 17 persoas no concello.

Xornada sen incidencias

A xornada electoral transcorreu sen incidencias e con "normalidade", iso si, entre cafés, bica tradicional de Trives, queixo e xamón ibérico repartidos polas mesas dos tres colexios. Non houbo campaña electoral e tampouco a posibilidade de que votasen os mozos que desde o 28 de maio adquiriron a maioría de idade, pero si que se viviu de novo unha xornada de festa da democracia apenas uns meses despois das xerais e coa mirada posta xa nas autonómicas. Ademais, houbo que repetir incluso a composición das mesas. A xornada arrincou ás 9:00 horas e concluíu ás 20:00, como nun día electoral habitual, sen incidencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade