O Supremo esixe respecto á división de poderes fronte "á supervisión" do labor xudicial
O Supremo esixe respecto á división de poderes fronte "á supervisión" do labor xudicial
"O Estado de Dereito, no que se fundan a Unión Europea e a nosa orde constitucional, esixe o absoluto respecto á división de poderes", afirma o Alto Tribunal tras coñecer que o acordo entre PSOE e Junts contemplaba detectar casos de lawfare (persecución xudicial)
A Sala de Goberno do Tribunal Supremo, reunida este luns en sesión ordinaria, emitiu un comunicado por unanimidade onde lembra que o Estado de Dereito "esixe o absoluto respecto á división de poderes" fronte "á supervisión do labor xurisdicional por outros poderes do Estado", tras o acordo alcanzado por PSOE e Junts que alude aos supostos casos de lawfare.
"O Estado de Dereito, no que se fundan a Unión Europea e a nosa orde constitucional, esixe o absoluto respecto á división de poderes", afirma o alto tribunal.
Reivindica tamén que "o exercicio da función xurisdicional axústase sempre á legalidade, á defensa da Constitución e á salvagarda dos dereitos e liberdades de todos os cidadáns, en particular, da igualdade na aplicación da lei".
Por iso, "salienta a necesidade de preservar e garantir a independencia xudicial desde todas as institucións", indicando expresamente que "ve incompatible con ela a fiscalización ou supervisión do labor xurisdicional por outros poderes do Estado".
O Supremo reacciona así ao devandito acordo, que contempla a creación de comisións de investigación parlamentarias para detectar supostos casos de lawfare (guerra xudicial) e, de ser así, que se deriven as "consecuencias" oportunas, o que podería acabar en querelas por prevaricación contra xuíces e maxistrados, ademais de responsabilidades civís e disciplinarias.