Once alpinistas mortos e doce desaparecidos tras a erupción dun volcán en Indonesia
Once alpinistas mortos e doce desaparecidos tras a erupción dun volcán en Indonesia
O volcán Marapi, situado na illa de Sumatra, estaba en alerta tres dende o venres
O volcán Marapi, situado na illa de Sumatra, fai erupción e deixa once alpinistas falecidos e doce desaparecidos. A erupción sucedeu arredor das 14:45 hora local deste domingo e durou catro minutos e 41 segundos, segundo informa o Centro de Vulcanoloxía e Mitigación de Desastres Xeolóxico (PVMBG)
O xefe do equipo de rescate, Abdul Malix, informou de que no momento do suceso, 75 alpinistas, todos de nacionalidade indonesia, estaban na zona. Foron evacuados 49 deles entre a pasada noite e esta madrugada Algúns regresaron ás súas casas, mais outros están no hospital.
"Hai 26 persoas que non foron evacuadas, e encontramos catorce, das que tres están vivas e once foron atopadas mortas", engade.
Os servizos de rescate tiveron que deter o seu traballo este luns debido a novas e menores erupcións. Ata oito foron rexistradas, segundo Arief Pratama, organización nacional de busca e rescate.
O volcán estaba no nivel de alerta tres dende o venres, a segunda máis alta nun rango de catro. Os veciños da zona captaron a forte erupción, que lanzou unha columna de cinza e fume a 3.000 metros por encima do cráter.
A alerta foi reducida hoxe ao nivel 2
O volcán, ten unha cima de 2.891 metros e o seu nome tradúcese como Montaña de Lume. É o volcán máis activo da illa de Sumatra, ademais de formar parte dos 400 volcáns que alberga Indonesia, dos que 129 continúan activos e 65 están cualificados de perigosos.
O arquipélago xa recibe o nome de Anel de Lume do Pacífico debido á súa grande actividade sísmica e volcánica.