Polémica derrota do Guardés por unha decisión arbitral no último segundo
Polémica derrota do Guardés por unha decisión arbitral no último segundo
Caeu diante do Málaga por unha infracción asubiada co reloxo a cero (27-28)
No partido adiantado á novena xornada da Liga Guerreras Iberdrola o Mecalia Guardés perdeu na Sangriña diante do Málaga por 27-28 nun partido que tivo un final polémico.
O equipo visitante tivo o ataque para gañar o partido con empate a 27 pero non o aproveitou e o último lanzamento de golpe franco foi contra as mans dunha defensora. Co reloxo a cero os árbitros interpretaron unha infracción do conxunto do Baixo Miño e decretaron o penalti que lle daría a vitoria ás visitantes.
O partido resultou moi igualado pero co Mecalia por diante duranta a meirande parte dos minutos. As galegas fixeron un gran partido contra un candidato a gañar a liga e chegaron a ter tres goles de vantaxe no segundo tempo.
Un gol de Silvia Arderius deulle vantaxe ao Málaga contra o final do partido (26-27), empatou Elena Amores pero outra vez a internacional Arderius decidiu desde os sete metros.