Un camión cargado de lodos envorca e bate contra un turismo en Cospeito

O camioneiro tivo que ser liberado polos bombeiros e trasladado ao HULA

O vehículo transportaba decenas de toneladas de residuos orgánicos dun matadoiro

O accidente provocou unha vertedura no río Miño, cuxo alcance investiga o Seprona

Félix Aragunde 06/11/2023 18:52 Última actualización 06/11/2023 19:49

No concello chairego de Cospeito rexistrouse unha colisión entre un camión e un turismo. Como consecuencia, quedaron cortados ambos sentidos da circulación na estrada LU-113, á altura da parroquia de Xustás.

Por causas que se descoñecen, o camión envorcou, invadiu o carril contrario e acabou batendo contra un coche. O vehículo pesado ía cargado de lodos, que acabaron ciscados pola calzada e vertidos ao río Miño.

O Seprona investiga agora o alcance da vertedura. Trátase de decenas de toneladas de restos orgánicos procedentes do matadoiro de polos de Castro de Ribeiras de Lea.

Pola súa parte, o camioneiro resultou ferido no accidente e tivo que ser liberado polos bombeiros de Vilalba, mentres que a condutora do turismo, en principio, saíu ilesa. Aínda que os danos persoais non foron graves, a vítima do sinistro foi trasladada a Urxencias do HULA. 

Juan Carlos Riveira, compañeiro da vítima do accidente: "Quedou atrapado e viñeron liberalo. Os bombeiros tiveron que cortar o cristal da cabina para sacalo. Tiña unha lesión no ombro e non podía saír polo seu propio pé".

Mentres non foi retirado o camión, durante o horas o tráfico da estrada que une Castro de Ribeiras de Lea con Abadín tivo que ser desviado por pistas secundarias.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar