G24.gal 14/11/2023 10:04

A futura lei de amnistía, rexistrada este luns no Congreso polo PSOE, ten por diante unha longa tramitación parlamentaria durante a que se abre un escenario de preguntas e interrogantes sobre a súa aplicación, as súas consecuencias e os seus beneficiados que poden condicionar os seus efectos.

A amnistía é un instrumento xurídico que require do aval das Cortes. Consiste no perdón de todos os delitos e as penas asociadas por uns feitos concretos nun marco temporal definido. Borra tamén os antecedentes penais dos afectados.

A amnistía non se concede a titulo individual, senón que ten natureza colectiva, e adoita concederse por razóns de carácter político tras algún tipo de acontecemento convulso.

As principais diferenzas con respecto ao indulto, como o que se lle concedeu aos condenados polo procés, é que o indulto concédeo o Goberno nun decreto motivado a título individual e non borra o delito senón a pena.

Entrada en vigor e previsible decisión final do Tribunal Constitucional

A proposición de lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) e os tribunais e os órganos administrativos e contables implicados, con casos vinculados ao procés, deberán aplicala con carácter "preferente e urxente" nun prazo máximo de dous meses.

A lei de amnistía é recorrible en amparo ante o Tribunal Constitucional (TC) por grupos parlamentarios. Nesta ocasión só podería facelo o Partido Popular e xa anunciou que o vai facer. Tamén as comunidades autónomas pode acudir ao tribunal de garantías, e varias gobernadas polos populares están dispostas a facelo. Amais o Defensor do Pobo pode tamén presentar recurso ante o TC.

Por outro lado, calquera xuíz que ditase sentenza ou instrúa un procedemento vinculado cos feitos que recolle a lei e que dubide da constitucionalidade da norma pode presentar unha cuestión de inconstitucionalidade ante o TC ou acudir á xustiza europea presentando unha cuestión prexudicial.

Posible suspensión da norma

Cando se presenten eses recursos de amparo ante o Tribunal Constitucional, cos que xa se conta, a norma non quedará suspendida automaticamente, pero o TC pode acordalo como medida cautelar se así llo reclaman.

Pero se do que se trata e dunha cuestión de inconstitucionalidade ou prexudicial por parte dun xuíz, ante o TC ou ante o TXUE, acordarase a suspensión dos procesos xudiciais que afecten o tribunal que pida a impugnación. Pero só se suspendería a resolución, non as medidas cautelares pendentes como ordes de ingreso en prisión ou de detención.

Beneficiados pola lei de amnistía

A lei de amnistía podería afectar máis de 300 persoas, entre condenadas, procesadas ou investigadas por actos cometidos coa intención de reivindicar, promover ou procurar a secesión ou independencia de Cataluña, así como os que contribuísen á consecución de tales propósitos. O marco temporal vai do 1 de xaneiro de 2012 ao 13 de novembro de 2023.

Entre os beneficiados estarían non só os líderes independentistas senón tamén funcionarios públicos, alcaldes, directores de colexios que colocaron as urnas e manifestantes. Ademais, aplicaríase a 73 axentes policiais que actuaron durante o referendo do 1 de outubro de 2017.

A norma exclúe o perdón para os delitos de terrorismo cando exista unha condena firme e os casos de torturas graves.

Posible regreso dos fuxidos e efectos sobre a súa inhabilitación

No momento en que se aprobe a lei Puigdemont podería xa regresar a España, con independencia dos recursos de amparo ou as cuestións que eleven os xuíces ao TC ou ao TXUE.

Se o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional arquivasen a súa causa e non acoden ao Constitucional nin a Europa, Puigdemont quedaría exculpado de toda responsabilidade penal.

En caso de que estes tribunais dubidasen da constitucionalidade da lei, a amnistía non se lle aplicaría automaticamente, pero si quedarían sen efecto as medidas cautelares pendentes, como son no seu caso a orde de detención en España. Polo tanto podería regresar sen ser arrestado.

Aquelas persoas beneficiadas pola amnistía que non están inhabilitadas, dado que non foron xulgadas, como é o caso dos fuxidos de España, poderían presentarse a calquera elección que se convocase, aínda que o TC non resolvese os recursos e cuestións presentadas.

Non ocorre así cos que si foron inhabilitados ao ser condenados. É o caso por exemplo de Oriol Junqueras. Na súa situación deberán agardar a que o Constitucional resolva o tema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade