Centos de persoas saen á rúa para esixir un novo acordo do ensino en Galicia
Centos de persoas saen á rúa para esixir un novo acordo do ensino en Galicia
A manifestación foi convocada en Santiago polos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF
Consideran que o acordo asinado pola Xunta, CCOO, ANPE e UXT non cobre as demandas
O ensino galego continúa coas mobilizacións. Centos de persoas da comunidade educativa, xunto con familias e alumnado saíron á rúa este domingo en Compostela nunha manifestación convocada polos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF.
Nela esixiron melloras nas súas condicións laborais e escenificaron a división sindical. Consideran que o acordo asinado pola Xunta, CCOO, ANPE e UXT a mediados de outubro non cobre as súas demandas, un acordo que os manifestantes consideran que non é de melloras senón de renuncias.
"Hai un malestar enorme do profesorado contra unha serie de medidas que o que van provocar e é algo gravísimo. Non é simplemente que non vaiamos recuperar os dereitos que viñamos demandando hai anos e que se e un acordo que se implanta tal e como está vén para quedar durante moitos anos. Este acordo é unha ruína e é un desprezo", di Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino.
Piden un ensino público e de calidade. Esixen, entre outras medidas, a redución de alumnado por aula desde o próximo curso en todas as etapas educativas e a recuperación do horario lectivo previo aos recortes.
"É irrenunciable o feito de volver ás condicións anteriores ao 2012 no tocante ao número de alumnos nas aulas, aos horarios do profesorado para artellar esa mellor resposta para o alumnado, que máis o necesita", engadiu Lois Pérez, secretario de acción sindical do STEG.
A manifestación partiu da Alameda e rematou na praza de Praterías. A marcha contou co apoio do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
A vindeira mobilización da comunidade educativa está prevista para o vindeiro 28 de novembro cunha nova convocatoria de folga xeral do profesorado.