Seis detidos e trinta axentes feridos nunha nova xornada de protestas ante Ferraz

A Delegación do Goberno cifra en 7.000 o número de asistentes á concentración

Os manifestantes cortaron o centro de Madrid e intentaron chegar ao Congreso dos Deputados

A policía tivo que cargar contra os grupos máis violentos congregados diante da sede socialista

G24.gal 07/11/2023 20:58 Última actualización 08/11/2023 12:38

Miles de manifestantes —7.000 segundo a Delegación do Goberno— congregáronse por segundo día consecutivo na rúa Ferraz e botaron proclamas contra o Goberno de Pedro Sánchez polos seus pactos cos independentistas e a lei de amnistía.

A policía blindou a sede socialista de Ferraz, e algúns manifestantes decidiron trasladar as súas protestas á Gran Vía e ao Congreso dos Deputados. Os asistentes cortaron o tráfico e colapsaron o centro de Madrid. Ante a imposibilidade de chegaren á Cámara Baixa polo forte cordón policial, congregáronse na Praza de Neptuno e de alí volveron á sede socialista. 

Un grupo de violentos tratou de romper o cordón dos axentes en Ferraz e comezou a lanzar obxectos e bengalas, polo cal, a policía viuse obriga a intervir. Polo menos dúas persoas tiveron que ser atendidas polos servizos médicos. 

O Ministerio do Interior triplicou este martes a presenza policial, con máis de 320 antidisturbios despregados na capital de España para controlar as protestas contra o PSOE. 

As protestas terminaron con seis detidos e 30 axentes da Policía Nacional feridos de diversa consideración, indicaron fontes do Ministerio do Interior. Os seis arrestados son españois e teñen entre 19 e 44 anos, salvo un menor que conta con 17 anos. 

As fontes de Interior sinalaron que os axentes antidisturbios si que usaron pelotas de goma para disuadir os manifestantes con actitude violenta, ademais de volver utilizar, como o día anterior, botes de fume e gases lacrimóxenos.

Houbo tamén concentracións, aínda que menos multitudinarias, noutros puntos de España. 

Pedro Sánchez: "Non crebarán o PSOE"

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, cualificou as protestas de "asedios" e asegurou: "Non crebarán o PSOE".

Nunha mensaxe na rede social X, Sánchez asegura ademais: "Non esperamos nada de quen por acción ou omisión apoian o asedio ás casas do pobo socialistas. O seu silencio retrátaos".

Feijóo pide respecto en protestas pero di que Sánchez é responsable do malestar social

O presidente do PP Alberto Núñez Feijóo pediu respecto e exemplaridade nas concentracións, pero engadiu que o presidente do Goberno en funcións Pedro Sánchez é o responsable do "malestar social".

"O malestar social é responsabilidade de @sanchezcastejon, pero as protestas deben partir do respecto e exemplaridade que faltou sempre ao @PSOE e os seus socios", refire Núñez Feijóo na rede social X.

"Non somos coma eles. Nin como a minoría que actúa igual. Vémonos o domingo 12 ás 12 nas prazas de toda España".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade