O CIS coloca o PP 2,6 puntos por diante do PSOE en plena negociación da investidura

O Centro de Investigacións Sociolóxicas dálles aos populares unha intención de voto do 33,9 %, fonte ao 31,3 % dos socialistas

O presidente do Goberno e o líder da oposición, na Moncloa (EFE/Sergio Pérez) O presidente do Goberno e o líder da oposición, na Moncloa (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 10/11/2023 14:07 Última actualización 10/11/2023 14:31

O Partido Popular superaría ao PSOE en 2,6 puntos se se celebrasen eleccións xerais cun 33,9 % de estimación de voto, fronte a un 31,3 % dos socialistas, en plenas negociacións para a investidura de Pedro Sánchez, segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

Hai menos dun mes o mesmo barómetro prognosticaba un empate entre as dúas formacións maioritarias, cunha lixeira vantaxe para o PSOE.

Sumar perde tamén apoio, 0,9 puntos, tras asinar o pasado 24 de outubro o acordo programático co PSOE. A enquisa do CIS foi realizada entre o 31 de outubro e o 6 de novembro, despois do acto en que Pedro Sánchez e Yolanda Díaz escenificaron o pacto para gobernaren xuntos.

Vox, que segue en cuarto lugar, deixa unha décima respecto ao barómetro de outubro.

O BNG obtén na enquisa unha estimación de voto do 0,7 %.

Feijóo, máis valorado

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, supera o presidente do Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e xa é líder político mellor valorado, cun 4,45 sobre dez, fronte ao 4,31 que obtén o socialista, segundo esta enquisa.

Se en outubro Sánchez obtiña 4,51 puntos, en novembro quedou neses 4,31. Esta caída propicia que Feijóo sexa agora o máis valorado aínda que practicamente repite nota, de 4,48 hai un mes, aos 4,45 de novembro.

A vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz obtén un 4,29 sobre dez -cae dúas décimas nun mes-, en tanto que o presidente de Vox, Santiago Abascal continúa en último lugar cun 3,03 sobre dez, aínda que sobe dúas décimas desde a ultima enquisa.

A pesar de que a sondaxe apunta a que Feijóo é agora o líder máis valorado, Sánchez segue sendo o político preferido para ocupar o Palacio da Moncloa.

Un 27,7 por cento dos enquisados prefire a Sánchez fronte a un 21 por cento que opta por Feijóo. Yolanda Díaz é votada por un 5,6 por cento en tanto que un 5,6 prefire a Santiago Abascal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade