Os forenses traballan na identificación do cadáver localizado dentro do coche nun peirao de Cambados
Os forenses traballan na identificación do cadáver localizado dentro do coche nun peirao de Cambados
O coche, rescatado do fondo por un guindastre, estaba envorcado e pechado
Os forenses analizan o cadáver localizado no interior do coche que apareceu afundido no peirao de Tragove, en Cambados.
Sábese que o vehículo estaba envorcado e pechado. A falta de confirmación oficial, a principal hipótese que se baralla é que se trate de Fernando Durán, un cambadés de 65 anos, desaparecido en abril do ano pasado.
O operativo despregouse onte a primeira hora da mañá despois de que recentemente se tivera coñecemento da presenza dun vehículo somerxido no peirao de Tragove. Uns mergulladores confirmárono o luns e onte mobilizouse un amplo dispositivo formado por efectivos da Garda Civil, os GEAS, Emerxencias de Cambados, Salvamento Marítimo, Policía Local e persoal de Portos de Galicia.
Un guindastre rescatou o coche da auga. Trátase dun Volkswagen Passat Variant gris. Transcendeu que estaba pechado e envorcado. No interior localizaron un cadáver. Os restos foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal para practicarlle a autopsia e realizar as análises que permitan identificar a vítima.