Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil dá por desmantelada a rede galega que vendía planadoras a narcos do Estreito

A Garda Civil dá por desmantelada a rede galega que vendía planadoras a narcos do Estreito

Na operación, desenvolvida en Ourense, Ribadumia e no norte de Portugal, detiveron seis persoas

Durante os rexistros comisaron cartos, oito embarcacións, 25 motores de gran cilindrada e material náutico, como radares GPS

A Garda Civil atribúe a esta organización a fabricación de narcolanchas vinculadas con aprehensións de máis de 4.000 quilos de cocaína e 4.000 quilos de haxix ao sur da Península

G24.gal 19/04/2024 11:13 Última actualización 19/04/2024 17:21

A Garda Civil e a Axencia Tributaria, en colaboración coa Policía Judiciária de Braga (Portugal), asestaron un novo golpe á loxística do tráfico de drogas e desmantelaron unha organización galega que fornecía motores foraborda e narcolanchas a grupos criminais do Estreito.

Segundo informou este venres a Dirección Xeral da Garda Civil, na chamada operación Vozka os axentes detiveron seis persoas e tomaron declaración a outras cinco en calidade de investigados. As detencións realizáronse dúas en Ourense, e o resto no Carballiño, Ribadumia, Tui e Vigo.

Ademais, constataron que varias das embarcacións fabricadas por esta organización están vinculadas con aprehensións de máis de 4.000 quilos de cocaína e 4.000 quilos de haxix levadas a cabo no Estreito de Xibraltar e en augas internacionais pola Axencia Tributaria, a Garda Civil e a Policía Nacional.

Durante a operación comisáronse 30.000 euros en efectivo, oito embarcacións, 25 motores de gran cilindrada, material náutico, radares GPS, antenas e diversa documentación, computadores e terminais móbiles.

Segundo explican os investigadores, as embarcacións non se construían nin se ensamblaban en Galicia. Probablemente se fixera en na nave industrial que os axentes rexistraron en Valença do Minho, segundo relatou Juan José López Castro, capitán da Garda Civil.

A organización, dedicada igualmente ao branqueo de capitais, operaba entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal, desde onde fornecía os motores e lanchas a organizacións da área do Estreito que os utilizaban para o tráfico de drogas e o transporte ilegal de inmigrantes.

Esta organización utilizaba os fondos obtidos do branqueo de capitais procedentes do narcotráfico para fabricar embarcacións de alta velocidade, que posteriormente eran trasladadas á zona do Estreito. Segundo explican desde Vixilacia Aduaneira, os responables da trama "daban un servizo completo", colocando as planadoras e os motores alí onde eran requiridos.

Esta organización, segundo explica Jaime Gayá, xefe rexional de Aduanas en Galicia, era "senón a máis importante, unhas das máis importantes" de cantas operan en España.

A operación levouse a cabo nas localidades de Valença do Miño (Portugal), Ourense e Ribadumia, onde detiveron seis persoas e imputaron cinco, todos como presuntos autores dos delitos de pertenza a organización criminal, branqueo de capitais e tráfico de drogas.

No transcurso da operación practicáronse sete rexistros domiciliarios (catro en Ourense, dous en Ribadumia e un en Valença).

Participaron no operativo máis de cen axentes da Garda Civil e a Axencia Tributaria, así como o Servizo Cinolóxico e a Unidade de Helicóptero do instituto armado na Coruña.

A investigación está dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Ourense e polo fiscal Antidroga desa provincia.

Segundo lembra a Garda Civil, esta operación supón un novo golpe contra o narcotráfico despois do desenvolvido hai uns días no que se conseguiu desarticular unha rede de narcotransportistas do Estreito a través de embarcacións de alta velocidade coa detención de 31 persoas e o aborto de catro operativos de narcotráfico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade