Publicador de contidos
Publicador de contidos

O incendio duns colectores en Ourense causa danos en varios vehículos e vivendas

O incendio duns colectores en Ourense causa danos en varios vehículos e vivendas

O lume declarouse de madrugada na avenida das Caldas, á altura do número 53

No primeiro andar do edificio, o máis prexudicado, non vive ninguén

G24.gal 14/04/2024 10:52 Última actualización 14/04/2024 12:35

O servizo de extinción de incendios do Concello de Ourense recibiu a chamada de alerta pasadas as cinco e media da madrugada. Cando chegaron á avenida das Caldas toparon catro colectores ardendo.

Segundo o cabo José Luís Rubín Currás, a intensidade do lume era elevada e as lapas alcanzaban ata o cuarto andar do edificio número 53 da rúa. Tamén afectaban os vehículos situados na contorna.

"As lapas ascendían a un cuarto piso e a radiación era importante. Ademais dos colectores afectados, que son caros, os danos nos vehículos e no edificio número 53 da avenida das Caldas foron importantes".

Os bombeiros tiveron que traballar durante dúas horas para sufocar o incendio e ventilar as vivendas afectadas. Non foi necesaria a evacuación da veciñanza pero os danos son cuantiosos. No primeiro andar, o máis prexudicado, non vive ninguén.

Os catro colectores quedaron calcinados e tres coches que estaban aparcados á beira sufriron danos importantes. O fume tamén prexudicou catro inmobles. As forzas de seguridade investigan a orixe do lume que podería ser intencionado.

Isabel Dacal foi a veciña que alertou os bombeiros e gravou os primeiros momentos do lume.

"Eu ía cos cans e, ao cruzar, vin alguén na esquina e xa vin a luz no colector. Empezou polo azul, unha boliña de lume no medio, pequena. Iso é porque alguén tirou algo ardendo". 

Máis casos

Neste barrio, o da Ponte, xa houbo máis casos de incendios provocados en colectores. Ademais dos danos, os responsables enfróntanse ao custo dos labores de extinción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar