Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un camiño veciñal leva máis de 20 anos facendo de enlace da autoestrada e a N-525 en Silleda

Un camiño veciñal leva máis de 20 anos facendo de enlace da autoestrada e a N-525 en Silleda

A alcaldesa de Silleda insta o Goberno central a que resolva sobre unha vía problemática para veciños e condutores

Imaxe dun tramo do camiño entre a AP-53 e a N-525 en Lamela, Silleda, este xoves
G24.gal 21/03/2024 13:58

O que é un camiño veciñal leva máis de 20 anos facendo de estrada de conexión entre dúas vías de moito tráfico, a N-525 e a AP-53 en Lamela, Silleda. Os sinais prohiben o tránsito de vehículos de máis de 10 toneladas. Ten un percorrido de case un quilómetro, estreito e co firme irregular con varias fochancas. A ambos lados hai vivendas, a de Isabel é unha:

"É un ruído constante. Por aquí pasan autobuses, vehículos pesados... Isto é un ir e vir (de tráfico) todo o día".

Lembra Isabel que isto é un camiño de uso agrícola e dos veciños, agora estragado por tanto tráfico. Moitos dos condutores que entran ou saen da autoestrada por aquí encóntranse coa sorpresa das fochancas, parches e firme irregular. Moitos son usuarios frecuentes.

"Vostede ve as fochancas que hai aí? Iso desfai as rodas, as suspensións e todo", di José, que circula por aquí unha vez á semana.
Braulio di: "É un estado bastante lamentable e ten unha sinalización deficiente. Ti chegas á encrucillada da N-25, non coñeces, e se, por exemplo, queres ir para Silleda, non sabes se tes que seguir para a esquerda ou a dereita".

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, explicounos que o Concello leva anos reclamando que o Goberno central asuma a titularidade desa vía, que non está feita para soportar o tráfico que ten acotío:

"O que pretendemos é que o ministerio asuma a titularidade desa vía e logo faga con ela o que considere mellor; ben arranxala axeitadamente con asfalto en quente e para que aguante ese tránsito de vehículos ou que cambien o seu percorrido por onde non existan vivendas".
 

Fernández di que o Concello leva moitos anos afrontando un gasto en reparación de danos que lle corresponde ao Ministerio de Transportes, e que agarda que sexa este quen dunha vez resolva o problema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar