Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un operativo contra a subministración de narcolanchas a Andalucía deixa seis detidos en Galicia

Un operativo contra a subministración de narcolanchas a Andalucía deixa seis detidos en Galicia

A Garda Civil realizaba este mércores unha operación contra o crime organizado en Ourense, O Pereiro de Aguiar, Ribadumia e Portugal en que se buscaba os fabricantes das embarcacións que se empregan no Estreito e Xibraltar para o tráfico de drogas

G24.gal 18/04/2024 11:17

Este mércores á mañá un cento de axentes da Garda Civil, canda a membros da Policía Nacional e de Vixilancia Aduaneira, lanzaban un operativo no centro de Ourense, do que máis tarde se soubo que tiña tamén ramificacións no veciño concello do Pereiro de Aguiar, e en Sisán, Ribadumia; e ata no norte de Portugal.

Fontes próximas á investigación informaban de que se trataba dunha operación, á que chamaron Vodka, contra o crime organizado, relacionado co tráfico de estupefacientes. Esta acción das forzas de seguridade deixa seis detidos.

O que ata o momento se sabe é que estarían supostamente relacionadas coa fabricación e subministración de narcolanchas ás organizacións de tráfico de drogas que operan no Estreito de Xibraltar.

Os rexistros realizados foron sete, cinco na provincia de Ourense e dous na de Pontevedra.

Nas últimas semanas os operativos contra este elo das organizacións do narcotráfico sucédense. En Galicia, en dúas operacións sucesivas estreitouse o cerco sobre os responsables da planadoras atoadas en Ribeira e o narcosubmarino Poseidón, e posteriormente detívose a Vidal Padín, o Burro.

En Andalucía un dispositivo conxunto de Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira logrou desarticular ao considerado como o maior grupo de narcotransportistas do Estreito. En total, 31 persoas foron arrestadas na bautizada como operación Grajuela, dúas delas tamén na provincia de Pontevedra.

A operación iniciada este mércores continúa aberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade