'The Way', a película sobre o Camiño, anima os estadounidenses a peregrinar
Xa é a terceira nacionalidade en selar a compostela
A película puido verse estes días en varios cines de Nova York
Todo o mundo debería de facer unha peregrinación. Este é a mensaxe coa que Emilio Estévez, director e produtor de The Way, protagonizada polo seu pai, Martin Sheen, promove a reestrea en pase único da película. Estévez afirma que The Way está máis de actualidade agora que en 2011, xa que a humanidade acaba de emerxer do illamento da pandemia: un bo momento para reformular a vida cunha epopea a través da paisaxe galega.
A outra intención do director é preparar as audiencias para a secuela que di ter previsto rodar. Mentres tanto, nunha cidade atarefada como Nova York, os espectadores puideron acompañar onte durante dúas horas o pai que percorre o Camiño coas cinzas do seu fillo e se atopa, no proceso, consigo mesmo e con persoas igualmente necesitadas dunha reconexión.
Chegan a Santiago tocados pola historia de Tom. Atraídos polo que viron e sentiron no cine e coa meta posta no Obradoiro: "de Illinois","de Chicago", "do sur de Dakota"
Con ganas de vivir a experiencia do Camiño, descuberto para moitos por The Way. "Si. Introduciume nel. Non sabía que existía". "A película inspiroume a facelo, tamén os libros sobre o Camiño".
Cada peregrino é unha historia. Encontramos os que buscan o mesmo que Tom, "acabo de perder a miña nai. É un xeito de homenaxeala. Emociónome un pouco, pero ben".
Os que veñen namorados do que viron na pantalla, "foi unha película moi importante porque mostrou a beleza do Camiño, do sendeiro".
E a este director de cine australiano. Fixo catro veces o Camiño e preparase en Santiago levar a súa historia ao cine: "Escribín un libro: The way, my way, para explicarme a min mesmo por que fixen o Camiño", explica Bill Ben Nett.
En 2010, cando se estreou The Way, selaron a compostela 3.300 estadounidenses. O ano pasado, preto de 26.000. É xa a terceira nacionalidade no Camiño. Non todo o éxito pode atribuírse á película, pero está claro que suma.