Condenado a 14 anos de cárcere por agredir sexualmente a súa filla, menor de idade, en Lugo
A sala tamén o considerou autor de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar

En Lugo, a xustiza condenou a 14 anos de cárcere un pai acusado de agredir sexualmente a filla, menor de 16 anos.
Ademais impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante 19 anos.
Tamén o inhabilitou para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídas, que impliquen contacto regular e directo con persoas menores de idade durante o mesmo período.
A sala tamén o considerou autor de dous delitos de malos tratos no ámbito familiar, polos que o condenou a medio ano de prisión. En concepto de responsabilidade civil, deberá pagar unha indemnización á vítima de 30.000 euros.
Os maxistrados entenden acreditado que o procesado comezou a cometer os feitos en 2015, cando a menor tiña nove anos.
As agresións sexuais, segundo consta na sentenza, “repetíanse todas as semanas, varios días, e producíanse no salón da vivenda onde residían ou no cuarto da menor, de noite, mentres o resto da familia durmía, ou de día, principalmente cando se atopaban sós na vivenda”.
O tribunal destaca na sentenza que non percibe no testemuño da vítima “asomo nin indicio algún de invención, de esaxeración nin de fabulación, senón unha declaración persistente no relato da experiencia sufrida”.
Tampouco advirte “motivos espurios nin razón algunha para entender que a denuncia teña por obxecto conseguir algunha vantaxe ou beneficio que o leve a compoñer un relato inexistente e falso”, nin que os feitos relatados sexan “insólitos ou imposibles”.
Ademais, a sala destaca que “existen factores de corroboración que concorren na causa” e “que fortalecen o relato da menor, reforzándoo”.
A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.