Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Casa Branca rescinde a orde de conxelar axudas e préstamos federais logo do revés xudicial

A Casa Branca rescinde a orde de conxelar axudas e préstamos federais logo do revés xudicial

A pausa ordenada por Trump poñía en risco o desembolso de miles de millóns de dólares para diversos programas sociais

G24.gal 29/01/2025 19:30

A Casa Branca rescindiu este mércores a orde promulgada na véspera de conxelar de forma inmediata todas as subvencións e préstamos federais, unha medida que xa fora bloqueada temporalmente por un xuíz.

A orde de conxelar axudas e préstamos creara certo caos e pánico na súa implementación, provocando incluso a caída dos portais de pagos federais do programa de seguro de saúde público Medicaid.

O Goberno xustificara a medida argumentando a necesidade de garantir que todos os fondos cumpran coas recentes ordes executivas asinadas por Trump, que inclúen restricións aos dereitos das persoas transxénero e recortes en programas de diversidade, equidade e inclusión (DEI, polas súas siglas en inglés).

A pausa ordenada por Trump poñía en risco o desembolso de miles de millóns de dólares para diversos programas, incluídos os préstamos estudantís, e podía ter un impacto negativo na investigación sanitaria, a asistencia alimentaria e o financiamento de organizacións de apoio a veteranos e persoas con discapacidade.

Así mesmo, a medida podería afectar a axuda destinada ás zonas devastadas por incendios en California e inundacións en Carolina do Norte, rexións que Trump visitou a semana pasada e onde prometera apoio federal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade