Publicador de contidos
Publicador de contidos

OpenAI investiga se DeepSeek se aproveitou dos seus modelos para adestrar o seu innovador 'chatbot'

OpenAI investiga se DeepSeek se aproveitou dos seus modelos para adestrar o seu innovador 'chatbot'

Isto podería apuntar ao novo chatbot DeepSeek R1, que causou un terremoto nos últimos días cunha reacción insólita de adversarios tecnolóxicos como Nvidia, que perdeu o luns 600.000 millóns de dólares, a maior caída diaria na historia de Wall Street

Acusa directamente a empresas establecidas na China de "tratar constantemente de destilar os modelos das principais compañías de intelixencia artificial dos Estados Unidos"

G24.gal 29/01/2025 16:51

A compañía estadounidense OpeanAI investiga se a empresa emerxente chinesa DeepSeek adestrou o seu novo chatbot utilizando repetidamente o modelo de intelixencia artificial (IA) previamente creado pola tecnolóxica con sede en Silicon Valley, segundo The Wall Street journal citando a unha fonte familiarizada co asunto.

A empresa liderada por Sam Altman indica nun comunicado este mércores que rexistraron varios intentos procedentes de entidades chinesas para tratar de extraer enormes volumes de datos das súas ferramentas de IA.

Isto podería apuntar ao novo chatbot DeepSeek R1, de código aberto, que causou todo un terremoto tecnolóxico nos últimos días cunha reacción insólita de adversarios tecnolóxicos como Nvidia, que perdeu o luns 600.000 millóns de dólares, a maior caída diaria na historia de Wall Street.

"É de vital importancia que traballemos en estreita colaboración co goberno dos Estados Unidos para protexer mellor os modelos máis capaces dos esforzos dos rivais e competidores por tomar a tecnoloxía estadounidense", detalla OpenAI no comunicado.

No texto mesmo se acusa directamente a empresas establecidas na China de "tratar constantemente de destilar os modelos das principais compañías de intelixencia artificial dos Estados Unidos".

Este proceso coñecido como destilación fundaméntase en machine learning, permitindo a modelos de IA menos sofisticados adestrarse a partir de grandes bases de datos doutros máis eficientes e nos que se investiron grandes sumas para desenvolvelo.

As sospeitas de OpenAI expoñen a posibilidade de que o rendemento do novo modelo R1 de DeepSeek, que está a copar os focos por ser desenvolto cun investimento moito menos cuantioso que as diferentes versións ChatGPT -entre outros modelos-, tería unha capacidade menos impresionante do que parece.

O surafricano David Sacks, o tsar das criptomonedas e a IA do presidente estadounidense Donald Trump, asegurou onte que hai "probas consistentes" de que DeepSeek destilou o coñecemento dos modelos de OpenAI.

Con todo, a posición de DeepSeek días atrás ao explicar o seu éxito baseouse en que conseguiron sacar o maior partido posible a chips menos avanzados grazas a unha "programación intelixente" co máis alto rendemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade