A China recoñece 60.000 mortos con covid nun mes tras o xiro na súa política contra o virus
Os responsables sanitarios chineses aseguran que o país superou o pico da vaga de contaxios
Publican este sábado as primeiras cifras das mortes rexistradas entre o 8 de decembro e o 12 de xaneiro
5.503 mortes producíronse directamente por insuficiencia respiratoria causada por unha infección
A Comisión Nacional Sanitaria de China anunciou este sábado un total de 59.938 mortes relacionadas coa covid entre o 8 de decembro, cando as autoridades empezaron a relaxar as restricións que mantiñan contra a pandemia, e o 12 de xaneiro deste ano.
Nove de cada dez falecidos tiñan 65 anos ou máis, de acordo co balance presentado polas autoridades sanitarias. A idade media dos falecidos rexistrados en centros médicos foi de 80,3 anos de idade, recolle o diario Global Times.
Entre os decesos contabilizados ata o 12 de xaneiro, 5.503 mortes debéronse a fallos na función respiratoria causados polas infeccións da covid; as 54.435 restantes foron de persoas infectadas pola covid, pero con outras afeccións subxacentes, como cancro ou enfermidades cardiovasculares.
A publicación das cifras chega tras a presión da Organización Mundial da Saúde (OMS) que critica desde hai varias semanas a Pequín pola súa falta de transparencia e por infravalorar o golpe do virus.
Esta semana, as autoridades sanitarias da China subliñaron nunha comparecencia que era “innecesario obsesionarse” coa identificación das mortes por covid mentres o país sofre unha enorme vaga de contaxios.
A comisión sanitaria tamén asegurou este sábado que os casos graves de covid no actual gromo propagado polo país alcanzaron o seu pico o 5 de xaneiro, unhas tres semanas despois de que as autoridades relaxasen a política de covid cero que mantiñan ata entón.
Ese día houbo 128.000 casos graves, e que o día 12 descendeu aos 105.000 casos graves, segundo os funcionarios da comisión.
A rápida propagación do virus na China nas últimas semanas sementou dúbidas sobre a fiabilidade das cifras oficiais, que ata o de agora só informaran dun puñado de falecementos recentes pola enfermidade a pesar das numerosas escenas que mostraban unha presión hospitalaria grande.
Un estudo da Universidade de Pequín, estima que ao redor de 900 millóns de persoas se contaxiaron xa pola covid na China despois de que o país desmantelara a política de covid cero e apostara por un control máis laxo da pandemia.
Con todo, outros expertos chineses cren que o pico de incidencia de casos de covid na China continuará "ata febreiro ou marzo", tal e como vaticinou recentemente o ex-xefe de epidemiólogos do Centro de Control de Enfermidades de China Zeng Guang.