Publicador de contidos

Publicador de contidos

Guerra comercial de consecuencias inesperadas, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Guerra comercial de consecuencias inesperadas, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 14/03/2025 08:05

As guerras comerciais e o proteccionismo nunca foron boas. A imposición de aranceis son impostos na aduana que, tras a liberalización do comercio internacional despois da Guerra Mundial, foron baixando, impulsando o crecemento económico en todos os países.

Trump, con todo, non ve as bonanzas do libre comercio aludindo a unha suposta protección da industria do seu país, pero tamén como arma para alcanzar outros obxectivos non económicos, como a chantaxe que fixo a Colombia con relación á deportación de inmigrantes ilegais.

A guerra comercial xa está a ter o seu impacto nas bolsas, sobre todo a estadounidense, dada a incerteza que provoca unha posible recesión económica. Os bandazos de Trump tampouco axudan, un día anúnciase un arancel, logo cancélase e, mesmo, duplícase ao día seguinte, outra vez incerteza, que espanta os investidores nas bolsas mundiais.

Pero o seu impacto tamén o sentirán os consumidores, os europeos, os latinoamericanos, pero tamén os dos Estados Unidos, ao encarecerse os produtos importados, tanto de consumo directo como os produtos intermedios. A historia móstranos que cando este mesmo presidente aplicou en 2018 un imposto á importación de lavadoras estranxeiras, a consecuencia foi dun incremento no 12 % destes produtos no mercado americano, este foi o chamado “efecto lavadora” e demostrou como unha medida proteccionista pode ter efectos contrarios aos desexados polo político e que é moi probable que se reproduza con relación á froita e verdura fresca que se importa de México e que acabará afectando á inflación americana.

Diante das ameazas de Trump, os países responden con aranceis ás importacións de produtos procedentes dos Estados Unidos. México, O Canadá e, agora, Europa, que anunciou que impoñerá, a partir de abril, aranceis por un valor estimado de 26.000 millóns de euros a produtos norteamericanos industriais e agrícolas, que afectarían a marcas como o Whiskey Bourbon, as motocicletas Harley-Davidson e mesmo os famosos vaqueiros Levi´s. A resposta foi unha ameaza de impoñer un arancel do 200 % a todos os viños, champaña e, en xeral, produtos alcohólicos europeos.

Pero o problema de fondo é que Trump ameaza as economías de medio mundo, de forma moi errática, e as consecuencias poden ser non só dunha recesión da economía americana (por certo, asumida polo presidente como un mal menor, o que é un indicio do disperso que está nas súas tomas de decisións económicas) senón das de todo o mundo.

Neste sentido, máis aló da resposta de Europa co contraataque directo impoñendo aranceis ás importacións de produtos americanos, é moi interesante o informe da Economía Latinoamericana do 2.º trimestre do 2024 que publicou o Banco de España, onde se alerta de que estes aranceis provocarán unha depreciación das súas moedas fronte ao dólar e dunha escalada da inflación.

O país máis afectado, México, dado que o 83 % das súas exportacións se dirixe aos Estados Unidos: petróleo cru, algúns vehículos, compoñentes de motores ou instrumental médico. Produtos que tamén se venden na Unión Europea e que poderían ser unha oportunidade para ambas as economías.

Por iso, e con relación ao informe, resaltar un apuntamento cara a unha maior colaboración comercial entre os países de América Latina e Europa, a UE é un destino alternativo para países como México en produtos xa comentados e, Europa, e España debe buscar mercados alternativos para as nosas empresas, sobre todo, as PEME.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade