Ollo coas chamadas comerciais para ofrecernos rebaixas: buscan facerse cos nosos datos
Chaman para ofrecer melloras nun servizo contratado e, ao aceptar a oferta, entran na nosa conta de usuario
Movistar denunciou os últimos casos de suplantación, pero é un calote recorrente
Suplantan a identidade de empresas de paquetería no Nadal, ou da Axencia Tributaria cando toca facer a declaración. Son estafas recorrentes, e veñen por vagadas. Atacan por mensaxe, correo electrónico ou chamada telefónica, e sempre cun mesmo patrón.
"Sempre xogan co medo e métennos présa", di Inés Amor, voceira da Policía Nacional. Explica que os estafadores contactan para alertar dun problema ou para ofrecernos cousas que non pedimos, "bombardeándonos con mensaxes ou chamadas" co obxectivo de facerse cos nosos datos persoais ou bancarios "para acceder aos cartos".
Agora deu a alarma Movistar: falsos comerciais chaman para ofrecer unha oferta e, se picas, conseguen facerse coa túa conta de usuario. O máis seguro para non caer, desconfiar sempre.
"Diante de calquera chamada estraña, o primeiro é colgar", recomenda Amor. Despois, en todo caso, chamariamos nós de volta á compañía "ao teléfono que teñamos ou que busquemos por nós mesmos".
E se picamos nun destes calotes, debemos denuncialo "aportando probas como pantallazos ou correos electrónicos, o número de teléfono dende o que nos chamaron, ou extractos dos movementos bancarios se chegaron a sacar cartos", explica Inés Amor.
En 2024 denunciáronse 20.236 casos de ciberestafas en Galicia.