A 'cheapflación', unha práctica controvertida
Consiste en manter o prezo dun produto á conta de baixar a súa calidade
É legal sempre que o fabricante informe dos ingredientes na etiquetaxe
A suba persistente no prezo dos alimentos e a necesidade das marcas de non perder clientes levou a prácticas controvertidas coas que os consumidores empezamos xa a familiarizarnos. Primeiro chegou a reduflación coa que os prezos dos produtos se manteñen a costa de reducir tamaño ou cantidade. Agora temos que falar dunha nova trampa, a cheapflación.
"Consiste na substitución de determinados ingredientes na formulación dun alimento procesado para abaratar os custos de produción", explica Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e presidente da Confederación Consumes
Pero é legal?
"É legal porque evidentemente non hai nada que prohiba a un fabricante de produtos alimenticios establecer unha fórmula para o deseño dun alimento que finalmente fai acceder ao mercado", continúa o experto en consumo.
Coa cheapflación é importante ler detidamente a etiquetaxe:
"O que vés consumindo habitualmente máis ou menos xa confías en que veña sendo o de sempre e que non haxa cambios", apunta un señor.
Esta práctica non só afecta a produtos alimentarios tamén aos electrónicos e téxtiles, pero xera problemas en persoas con intolerancias e alerxias.
"Unha persoa que está afeita a mercar determinado produto que por exemplo se fabricaba con aceite de xirasol ou aceite de oliva e que agora puidera ser substituído por exemplo por aceite de soia, estariamos a falar dun alérxeno, un alérxeno que pode supoñer riscos para a saúde moi importante para persoas que teñan algún tipo de alerxia", puntualiza Miguel López.