Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inditex logra un beneficio récord de 5.866 millóns de euros en 2024, un 9 % máis

Inditex logra un beneficio récord de 5.866 millóns de euros en 2024, un 9 % máis

As vendas tamén foron récord, ao alcanzar 38.632 millóns de euros, un 7,5% máis sobre 2023, cunha evolución moi satisfactoria tanto en tenda como en liña

O Consello de Administración propoñerá á Xunta Xeral de Accionistas un incremento do dividendo do 9 % para o exercicio 2025, ata 1,68 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,13 euros e un dividendo extraordinario de 0,55 euros por acción

Inditex cae máis dun 7 % en bolsa tras un inicio de ano con maior retardación de vendas

G24.gal 12/03/2025 07:54 Última actualización 12/03/2025 12:46

Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 5.866 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2024-2025 (desde o 1 de febreiro de 2024 ao 31 de xaneiro de 2025), o terceiro de Marta Ortega á fronte da presidencia, o cal supón un incremento do 9 % respecto ao ano anterior, segundo informou a compañía, que elevará o dividendo un 9 %, ata 1,68 euros por acción.

As vendas tamén foron récord, ao alcanzar 38.632 millóns de euros, un 7,5 % máis sobre 2023, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como en liña, positiva en todos os formatos. As vendas a tipo de cambio constante creceron un 10,5 %. Desta forma, a compañía volve lograr resultados récord, en liña co consenso de analistas, aínda que máis moderados no seu ritmo de crecemento, xa que ata este ano pechara con aumentos a dobre díxito.

De feito, trátase da menor alza en beneficios e vendas desde 2020, ano da pandemia. En 2021, pechou cun crecemento do beneficio do 193 % e do 36 % en facturación, seguido de 2022 (27 % en beneficio e 17,5 % en vendas) e de 2023 (30,3 % en beneficio e 10,4 % en ingresos).

"Os excelentes datos de vendas e beneficio mostran a solidez do crecemento rendible do grupo Inditex, baseado na calidade da oferta comercial de todos os nosos formatos, a eficiencia en todas as operacións e a innovación constante coa que os nosos equipos impulsan un modelo de negocio que continúa mostrando a súa ambición e fortaleza cando se cumpren 50 anos da apertura da nosa primeira tenda", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.

O Consello de Administración propoñerá á Xunta Xeral de Accionistas un incremento do dividendo do 9 % para o exercicio 2025, ata 1,68 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,13 euros e un dividendo extraordinario de 0,55 euros por acción. O dividendo componse de dous pagos iguais: o 2 maio de 2025 un pago de 0,84 euros por acción, correspondente ao dividendo ordinario, e o 3 novembro de 2025 outro pago de 0,84 euros por acción (0,29 euros ordinario máis 0,55 euros extraordinario).

O resultado operativo (EBITDA) creceu un 8,9 %, ata 10.728 millóns de euros, e o resultado neto de explotación (EBIT) un 11 %, ata 7.554 millóns de euros. Así mesmo, a marxe bruta situouse en 22.343 millóns de euros, un 7,6 % superior á de 2023, e representa o 57,8 % das vendas, segundo informou a compañía, que destacou que o control dos gastos operativos foi rigoroso.

Os gastos de explotación aumentaron un 6,5 % sobre 2023, por baixo do crecemento das vendas. Debido á boa execución do modelo de negocio, os fondos xerados (axustados por pagos de arrendamento) creceron un 9,9 % e a caixa xerada creceu un 8 %. A caixa neta creceu un 0,8 %, ata 11.495 millóns de euros.

Amancio Ortega cobrará 3.104 millóns con Inditex, máis do gañado por 29 firmas do IBEX

Amancio Ortega, fundador de Inditex, cobrará durante este ano uns 3.104 millóns de euros grazas ao dividendo de récord que o grupo téxtil prevé repartir nos próximos meses, unha cifra superior ao beneficio neto de 29 das 35 empresas do IBEX.

Segundo anunciou este mércores o grupo téxtil galego, que é a maior firma cotizada española, durante 2025 planea repartir un dividendo de 1,68 euros por acción, o cal supón un incremento do 9,09 % respecto aos 1,54 euros distribuídos un ano antes. 

Así, só pola súa participación do 59,294 % en Inditex, Ortega, que encadea xa dez anos como o home máis rico de España segundo a revista Forbes, gañará este ano máis que o gañado por case unha trintena das 35 empresas do IBEX, entre elas IAG, Aena, Naturgy ou Endesa. Pola súa banda, a filla maior de Ortega, Sandra Ortega, que controla o 5,053 % da firma (ao contar cuns 157,48 millóns de accións), terá dereito a ingresar durante este ano uns 264,5 millóns de euros.

Inditex gaña máis que H&M, Primark, Uniqlo, GAP e Mango xuntos

Inditex, que este mércores anunciou unha facturación de 38.632 millóns en 2024 e ganancias de 5.866 millóns en 2024, gaña máis que H&M, Primark, Fast Retailing (Uniqlo), GAP e Mango xuntas.

Os 5.866 millóns de euros de beneficio neto de que informa Inditex no seu último exercicio fiscal (pechado o pasado 31 de xaneiro) son mesmo uns 27,5 % superiores á suma dos 2.281 millóns gañados por Fast Retailing, os 1.310 millóns de beneficio operativo (non proporciona beneficio neto) de Primark e os 1.010 millóns da sueca H&M.

Á falta de Hugo Boss, que presentará as súas contas o vindeiro xoves, a ganancia de Inditex (5.866 millóns) é maior mesmo ca a suma do beneficio neto dos seus rivais Fast Retailing (2.281), Primark (1.310), H&M (1.010), GAP (778) e Mango (219), que xuntos gañaron 5.598 millóns.

Aínda que H&M é o segundo gran grupo en facturación, con 20.449 millóns, esta cifra é practicamente a metade do ingresado pola compañía galega, que marcou un novo fito ao achegarse aos 40.000 millóns no seu último exercicio.

 

Inditex cae máis dun 7 % na bolsa tras un inicio de ano con maior retardación de vendas

Inditex caeu este mércores en bolsa máis do 7 %, penalizada polos resultados empresariais de 2024, nos que gañou 5.866 millóns de euros, e por un inicio de vendas no primeiro trimestre deste ano cunha maior retardación da esperada. Media hora despois da apertura de sesión, a acción de Inditex situábase en 45,11 euros, un prezo que non se rexistraba desde abril de 2024, tras ceder o 7,01 %, aínda que nos primeiros compases de sesión chegou a caer ata o 9 %, o maior descenso de toda a bolsa española.

Cunha capitalización de 139.880 millóns de euros a data de hoxe, os títulos de Inditex deixan no que vai de ano preto do 10 %, afastándose do máximo histórico de comezos de decembro de 2024, cando rozou os 175.000 millóns de capitalización e a súa acción chegou a 56,12 euros.

A compañía, segundo detallou nas súas contas presentadas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), recoñeceu que o ritmo de crecemento das ganancias mostra unha desaceleración respecto a anos anteriores, que tamén se observa na facturación, que se elevou un 7,5 % interanual, ata os 38.632 millóns.

A multinacional, propietaria de marcas como Zara, Massimo Dutti, Bershka ou Stradivarius, é a primeira vez, desde hai cinco anos, cando se produciu a pandemia da COVID-19, que non pecha o exercicio fiscal con avances de dous díxitos tanto en ganancias netas coma en ingresos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade