Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tras 62 anos cosendo para homes, Florentino saca esta primavera a primeira colección de roupa de muller

Tras 62 anos cosendo para homes, Florentino saca esta primavera a primeira colección de roupa de muller

A firma de Lalín aposta por pezas fieis á súa esencia, que coiden os materiais e a patronaxe

A nova colección xa está na web, e nas tendas, a partir do 14 de marzo
G24.gal 10/02/2025 14:22

Despois de 62 anos especializados en roupa de home, a marca galega Florentino dá o salto á moda feminina. A mediados deste mes de marzo chegará ás súas tendas unha pequena colección de roupa de muller, coa filosofía de sempre: pezas de calidade, versátiles e atemporais. Desde a xastrería a medida do avó en Lalín, ata o salto atlántico do pai nesa revolución que foi moda galega dos 80, a esencia de Florentino, o coidado nos materiais, na patronaxe e na confección, segue no ADN desta nova aposta.

A empresa, xa en segunda xeración, con Florentino Cacheda fillo á fronte e cunha rede de tendas consolidada, con máis de 50 puntos de venda, decide dar o salto e xa ten lista para a entrada no mercado da súa liña de moda de muller.

"Traxes de liño, moi característicos da colección, con tecidos que sempre traballamos moi ben como o liño. Aínda que agora xogamos máis coas cores máis vivas ou outro tipo de tecidos, pero si apostamos por unha liña que manteña ese punto de que se recoñeza 'isto é de Florentino", explica Florentino Cacheda Pampín, o director rexional de Florentino.

É roupa apta para calquera evento, que dependendo dos complementos, pode servir para vestir en días laborais.  No medio do ciclón da moda rápida e do pulo das grandes multinacionais, unha marca de autor, con 130 empregados, aposta por diferenciarse con pezas atemporais que reivindican a esencia da moda galega.

"Os axustes fanse na propia fábrica, en Lalín, con persoal propio. É manter o noso legado e seguir facendo cousas. Sabemos que iso está aí, sabemos que é complicado, pero queremos ser un pouco diferentes e polo menos nunha rúa, chea de cadeas de roupa que son réplicas unhas das outras, pois estar aí e molestar un pouco, ata que nos deixen", detalla Florentino Cacheda Pampín, o director rexional de Florentino.

Mantendo a aposta polo dependente de sempre, o trato persoal e os amaños esmerados. A partir do 14 de marzo, tamén con roupa de muller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar