Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump ameaza cun arancel do 200 % ao viño e outras bebidas alcohólicas da UE

Trump ameaza cun arancel do 200 % ao viño e outras bebidas alcohólicas da UE

Nunha publicación na rede Truth Social, o inquilino da Casa Branca acusou á UE de ser unha das autoridades fiscais e arancelarias máis hostís e abusivas do mundo, creada co único propósito de aproveitarse dos Estados Unidos

G24.gal 13/03/2025 13:40

O presidente dos Estados Unidos Donald Trump ameazou este xoves con impoñer en breve un arancel do 200 % a todos os viños e produtos alcohólicos procedentes dos países representados pola Unión Europea se Bruxelas non retira de inmediato o gravame anunciado do 50 % sobre o whisky estadounidense.

Nunha publicación na rede Truth Social, o inquilino da Casa Branca acusou a UE de ser unha das autoridades fiscais e arancelarias máis hostís e abusivas do mundo, creada co único propósito de aproveitarse dos Estados Unidos. Neste sentido, advertiu de que, se a UE non elimina de inmediato o arancel do 50 % ao whisky procedente dos EUA, impoñerá en breve un arancel do 200 % a todos os viños, champañas e produtos alcohólicos procedentes de Francia e outros países representados pola UE. "Isto beneficiará enormemente o sector do viño e o champaña nos Estados Unidos", asegurou Trump.

A Unión Europea anunciou onte que impoñerá a partir do próximo mes de abril aranceis por valor de ata 26.000 millóns de euros a unha ampla gama de produtos procedentes dos Estados Unidos en resposta aos aranceis inxustificados do 25 % que a nova administración de Donald Trump aplica desde onte ás importacións de aceiro e aluminio europeo.

Bruxelas estima nuns 28.000 millóns de dólares o impacto dos aranceis estadounidenses sobre o aceiro, o aluminio e produtos derivados europeos, polo que responde con taxas ás importacións dunha variada gama de produtos estadounidenses que vai desde alimentos ata marcas emblemáticas, como o whisky Bourbon ou as motocicletas Harley-Davidson.

En todo caso, as contramedidas europeas non entrarán en vigor ata o próximo 1 de abril porque deben cumprirse varios pasos procedementais, o cal deixa certo espazo para tratar de buscar un acordo cos Estados Unidos. A primeira parte dos aranceis que prepara Bruxelas corresponde aos que se activaron no pasado e están suspendidos ata o próximo 31 de marzo en virtude dun acordo con anteriores administracións norteamericanas, polo que entrarán en vigor o próximo 1 de abril. A segunda parte do paquete levará algo máis de tempo, e os servizos comunitarios estiman que estará todo listo para a súa aplicación a partir de mediados de abril.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade