O Kremlin reserva polo momento a súa posición sobre unha tregua en Ucraína
Na contorna de Putin aseguran que agardarán a que os EUA informen de negociacións para responder á proposta

O Kremlin non respondeu este mércores á proposta de tregua de 30 días aceptada xa por Ucraína á espera de que o secretario de Estado dos EUA Marco Rubio informe sobre os resultados das negociacións con Kíiv na cidade saudita de Xidá.
"Supoñemos que, como se dixo onte en Xidá, o secretario de Estado Rubio e o asesor para seguridade nacional (Mike) Waltz nos informarán a través de diversas canles sobre os detalles das negociacións e sobre o acordado", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial.
Peskov subliñou que antes de tomar calquera decisión, Moscova debe recibir esa información, e engadiu que, respecto diso, Rusia ten previsto manter contactos con funcionarios estadounidenses.
"Tampouco descartamos que poida xurdir o tema dunha conversación telefónica ao máximo nivel. Se xorde esa necesidade, será organizada con celeridade. As canles de diálogo cos estadounidenses xa existentes permitirán facelo nun prazo bastante curto de tempo", sinalou.
Referíase a unha posible conversa entre os presidentes ruso, Vladímir Putin, e estadounidense, Donald Trump, aínda que, a continuación, admitiu que nada foi acordado ata o momento.
Trump expresou o martes, ao termo das negociacións en Xidá, a súa confianza en que o seu colega ruso tamén acepte o cesamento do fogo.
"O máis importante é que Ucraína acaba de aceptar un cesamento do fogo. Agora temos que ir a Rusia e esperar que, con sorte, o presidente Putin tamén o acepte. E así poderemos poñer isto en marcha", afirmou Trump en declaracións á prensa na Casa Branca.
No marco da primeira rolda de negociacións cos Estados Unidos en Arabia Saudita, o martes Ucraína aceptou unha tregua de 30 días ao longo de toda a fronte coa condición de que Rusia tamén acate o cesamento do fogo.
"Ucraína acepta esta proposta. Consideramos que é positiva. Estamos preparados para dar este paso", dixo onte á noite o presidente ucraíno Volodimir Zelenski, quen chamou a Washington a convencer a Moscova para que o cesamento do fogo entre en vigor canto antes.
Con todo, Putin rexeitou hai varios meses esa posibilidade e o mesmo fixo a pasada semana o ministro de Exteriores Sergei Lavrov, quen tamén descartou unha posible despregadura de tropas de paz europeas en Ucraína.
Segundo fontes rusas, as tropas ucraínas estaríanse a retirar da rexión fronteiriza de Kursk, parcialmente baixo o seu control desde agosto de 2024, un dos principais obstáculos ante unhas futuras negociacións de paz.