Publicador de contidos

Publicador de contidos

De Ucraína a Celanova: Valentyna é florista e acaba de abrir o seu propio negocio na vila ourensá

De Ucraína a Celanova: Valentyna é florista e acaba de abrir o seu propio negocio na vila ourensá

Estivo vivindo tres anos no concello ourensán de San Xoán de Río desde que chegou como refuxiada a Galicia

Agora decidiu trasladarse para abrir o seu propio negocio aproveitando a súa longa experiencia como florista

Di que está moi feliz e que pensa quedar a vivir aquí coa súa filla de 20 anos e o seu fillo de 18. Agora só precisa clientes

A Florería de Valentyna está situada na rúa Celso Emilio Ferreiro en Celanova.
G24.gal 11/03/2025 21:00 Última actualización 11/03/2025 23:04

E mentres seguen negociando a paz para Ucraína, contámoslles a historia de Valentyna. Unha muller que fuxiu da guerra coa súa filla e o seu fillo e que foi acollida polo Goberno de España. Hai tres anos que chegou a Galicia; primeiro estivo no concello de San Xoán de Río e agora instalouse na vila de Celanova, onde acaba de abrir a súa propia florería.  

"Son Valentyna e vivo aquí desde hai dous meses, en Celanova. Abrín unha florería, porque é a miña vida. Máis ou menos traballei 15 anos en Ucraína", conta Lykhva, dona do Estudio de Flores Valentyna en Celanova

Foi a súa amiga Julia, tamén ucraína, a que a animou a trasladarse a Celanova e abrir o seu propio negocio. 

Desde que chegou como refuxiada estivo vivindo tres anos no concello ourensán de San Xoán de Río. Di que lle agradece moito a toda a xente que a axudou neste tempo. 

A súa experiencia como florista estalle axudando a refacer a súa vida. Di que está moi feliz e agora só precisa clientes.

Preguntámoslle se lle gustaría volver a Ucraína e dinos que non, que quere mercar unha casa e vivir aquí coa súa filla de 20 anos e co seu fillo de 18, porque afirma que tanto os estudos coma o traballo son mellores. 

Sostén que a súa única pena no corazón é que a súa filla maior e a súa neta seguen alí.

"Nestes tres anos estiven moi nerviosa, non podía durmir, porque a miña filla vive en Ucraína; pero agora estou tranquila", di Valentyna.

Unhas 3.000 persoas refuxiadas que fuxiron de Ucraína están acollidas en Galicia como Valentyna. Lonxe da súa terra, pero tamén lonxe da guerra, está a reconstruír a súa vida aquí cun marido tamén ucraíno, a súa filla, o seu fillo e o seu traballo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade